O BNG advertiu de que saíu a poxa a explotación do hotel e aparcamento da rúa Rosalía
Os nacionalistas cuestionan que o goberno local non informase deste feito aos grupos da oposición. Temos que entender con esta actitude que o goberno está a defender uns intereses que non son os dos veciños?
Betanzos, 28 de novembro de 2012. O BNG advertiu no Pleno de que onte ían ser suhastados a explotación do hotel e o aparcamento soterrado do asilo Manuel Naveira, en Bellavista. O contrato subscrito entre o Concello e a empresa concesionaria é moi claro ao establecer que en caso de cambiar o titular da concesión este terá que notificarse cunha antelación mínima de 30 días e ser autorizado previamente polo Concello, recordaron os nacionalistas.
Por que non comunicou o alcalde estas circunstancias aos grupos da oposición?, preguntaron desde o BNG, que entenden que unha cuestión tan importante coma esta tiña que ser trasladada aos representantes dos veciños en canto o goberno local tivese coñecemento.
Por este motivo, os nacionalistas pediron explicacións ao goberno local do PSOE sobre se o Concello fora informado desta poxa e se o goberno local e que órgano do mesmo autorizou este cambio de titularidade. Temos que entender con esta actitude que o goberno está a defender uns intereses que non son os dos veciños?, concluíron desde o BNG.
O voceiro do BNG, Henrique del Río, lembrou que no ano 97 o BNG votou en contra da operación que acabou co asilo en mans privadas e co polémico aparcamento soterrado da rúa Rosalía de Castro. Ambos inmobles foron entregados a mans privadas polo PSOE por 75 anos a cambio dunha renda de 600 euros ao ano e 4 prazas de estacionamento, recordou. Estes son os negocios ruinosos en que meteu o PSOE ao Concello de Betanzos e á vista está como funciona o complexo, indicou.