O BNG emenda o regulamento de locais do PSOE para aumentar a participación veciñal
O BNG defendeu no Pleno que se autorice o uso dos locais sociais municipais tamén a colectivos que non teñen porque estar constituídos en asociación, coma grupos de xente nova ou movementos sociais coma o 15M.
Betanzos, 30 de maio de 2012. O BNG presentou tres emendas ao regulamento de uso dos locais sociais presentado polo goberno local ao Pleno de onte. O portavoz municipal do BNG, Henrique del Río, explicou que as achegas tiñan por obxecto garantir que todos os veciños e veciñas poden facer uso dos locais sociais, xa que todos os manteñen cos seus impostos.
Neste sentido, o BNG defendeu que se autorizara un uso puntual dos locais sociais municipais tamén a colectivos que non teñen porque estar constituídos formalmente en asociación, como sería o caso de grupos de xente nova ou movementos sociais coma o 15M. Os nacionalistas entenden que abrindo o uso dos locais sociais a estas agrupacións informais de cidadáns estase garantindo a igualdade no acceso aos recursos públicos e apoiando que poidan xurdir novas entidades.
Outra das emendas defendida polos nacionalistas foi que o horario de uso dos locais estea permanentemente exposto, para que calquera colectivo que queira solicitar un local social para un acto puntual coñeza ao momento cando está libre e pode ser usado, segundo explicou o voceiro nacionalista.
Con isto podería sacárselle maior rendibilidade a estes locais de uso público para todos os cidadáns, que actualmente segundo o portavoz do BNG están, en xeral, pouco utilizados sobre todo pola xente nova.
Ademais con estas medidas potenciaríase o traballo en rede das asociacións e colectivos. Neste sentido, Del Río apuntou a posibilidade de constituír unha caixa de recursos- con materiais que as asociacións e entidades poidan usar puntualmente para un acto como cámara de vídeo, canón proxector ou equipo de son-, coa que avanzar na liña da cooperación e traballo en rede do tecido asociativo.
Proposta para crear un Consello de Cultura e un Consello de Deportes
Na mesma liña de incrementar a participación cidadá o BNG presentou unha emenda para crear dous consellos sectoriais de participación cidadá, un de cultura e outro de deportes. Non ten sentido crear un único consello, ao reflexo dunha carteira gobernamental, cando falamos de áreas e entidades cunhas necesidades e finalidades moi diferentes, indicou o portavoz nacionalista.
Henrique del Río lembrou que o BNG hai anos impulsou a aprobación do actual Regulamento de Participación Cidadá de Betanzos, pero lamentou que o goberno local do PSOE non estea polo labor de fomentar a participación dos veciños nos asuntos públicos. A modo de exemplo, recordou que o goberno non negocia co persoal municipal, non quixo elaborar o orzamento de xeito participativo como reclamou o BNG, non reuniu os consellos sectoriais que existen- Mocidade e Inmigración- no ano que leva no poder e non redactou o Plan de Igualdade de forma dialogada, de igual xeito que o goberno anterior do PP, por certo, que tampouco os reuniu no seu mandato.