O BNG denunciou que o goberno local pretende silenciar as queixas da veciñanza pola amnistia fiscal
O BNG critica que o goberno local oculte ao Pleno parte das alegacións presentadas pola amnistia fiscal ás terrazas do Campo. Del Río: Na conta xeral o PSOE prevía ingresar 15 000 pola taxa das terrazas e só recadaron 4309,70, e apesar desto aproba unha amnistía fiscal para os bares do Campo.
Betanzos, 29 de agosto de 2013. O BNG denunciou que o goberno local do PSOE ocultou ao Pleno as alegacións que un grupo de veciños presentaron contra a amnistía fiscal para os bares do Campo, aprobada por PSOE e PP. É moi grave pretender silenciar así á veciñanza que non está de acordo coa forma de actuar do goberno local do PSOE, calcada á do PP noutros ámbitos, indican os nacionalistas.
O BNG volveu votar en contra da amnistía fiscal coa que o goberno do PSOE quere perdoar o pagamento de máis de 7000 euros por ocupar parte do Campo aos negocios de hostalaría. Henrique del Río, voceiro do BNG, defendeu o recurso que presentaron os nacionalistas contra esta inxustiza que avalan PSOE e PP.
Seguimos defendendo que é xusto que pague máis quen se beneficia da programación das festas patronais que se fai case exclusivamente no Campo e que o Concello paga con cartos de todas e todos, indicou, e como xa dixemos no seu momento se a alguén se lle ten que perdoar impostos terá que ser a quen mais o necesite.
Segundo indicou o voceiro nacionalista, a propia conta xeral demostra que, contra o que di o goberno do PSOE, a recadación polas terrazas non é unha nimiedade. Na taxa das terrazas o PSOE prevía ingresar 15 000 e só recadaron 4309,70, e apesar desto aproba unha amnistía fiscal para os bares do Campo, asegura.
Non queda nada claro xa onde remata a Faraldo e onde comeza o García, PSOE e PP confúndense nunha mesma política clientelar a costa dos cartos que tiñan que pagar servizos públicos
Estanse malgastando cartos de todos e todas, en beneficiar a uns poucos negocios en lugar de investilos en bolsas ou en programas de emprego, insisten desde o BNG. Primeiro foi o PP pagando, con cartos dun plan anticrise, as tarimas das terrazas dos Soportais, indica o voceiro nacionalista e agora o PSOE leva adiante esta amnistía fiscal para compensar a estes hostaleiros polo canon que teñen que pagar por utilizar as terrazas feitas con fondos públicos, como o propio alcalde recoñeceu no Pleno. Non queda nada claro xa onde remata a Faraldo e onde comeza o García, PSOE e PP confúndense nunha mesma política clientelar a costa dos cartos que tiñan que pagar servizos públicos, ironizou.
Se como asegura o PSOE esta amnistía fiscal beneficia aos veciños e veciñas, a que ven que pretendesen culpar ao BNG do trato de favor que o goberno local dá ás cafetarías do Campo?, pregúntase Del Río. Non será máis ben que son conscientes de que a amnistía fiscal é un escándalo e unha política totalmente de dereitas e non queren asumir a responsabilidade dos seus actos?, indicou.
Neste sentido, os nacionalistas denunciaron que o goberno local do PSOE remitiu, logo de que o Pleno aprobase de forma inicial a amnistía fiscal para os bares co Campo en xuño, unha carta a todos os hostaleiros. A mediados de xullo o goberno local manda unha carta pedindo aos hostaleiros que regularicen as súas terrazas para a tempada primavera-verán, e as solicitudes entran no Concello a primeiros de agosto, explican. Os nacionalistas aseguran que o PSOE non buscaba regularizar a situación das terrazas en todo o Concello, senón utilizar medios municipais para tratar de culpabilizar ao BNG de que agora se cobren as taxas.
Nós defendemos que é xusto que pague por utilizar a vía pública para un beneficio privado en función do que recade, o que non pode ser é que o goberno local faga durante todo o verán a vista gorda en determinados negocios e por un día sancione a hostaleiros noutras partes do municipio, indica o voceiro do BNG, Henrique del Río. No tema das terrazas esta forma de actuar totalmente aleatoria esta causando moitos problemas e queixas da veciñanza, concluíu.