O BNG denuncia q o PSOE contrata mantemento e xardinería cando ten 20 operarios en nómina

O BNG denuncia q o PSOE contrata mantemento e xardinería cando ten 20 operarios en nómina

“O PSOE criticaba isto cando o facía o PP hai dous anos. O hoxe alcalde mesmo falaba de ‘fraude de lei’ e mandáronse contratos aos tribunais. E agora o PSOE ten exactamente as mesmas prácticas que tiña o PP e que en parte levaron a que María Faraldo estea imputada”.

Betanzos, 28 de febreiro de 2013. O BNG advertiu no Pleno de que o goberno local do PSOE continúa fraccionando os contratos de mantemento viario e xardinería “para evitar sacalos a concurso público e que calquera empresa ou autónomo teña a opción de poder optar a eles”. “Hai empresas que fan estes traballos que foron contratadas sen fondos para pagarlles e sen contrato, e as súas facturas foron a Pleno o martes para que poidan cobrar”, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.

“Vostedes criticaban isto cando o facía o PP hai dous anos”, reprobou Del Río ao goberno local do PSOE. “Daquela o hoxe alcalde mesmo falaba de ‘fraude de lei’ e mandáronse contratos aos tribunais”, recordou. “E agora o PSOE ten exactamente as mesmas prácticas que tiña o PP”, indicou, “e que en parte levaron a que María Faraldo estea imputada”.

Os nacionalistas lembraron que “a Intervención nos seus informes advirte das irregularidades do goberno local con este tipo de contratos”. Desde o BNG recordan, ademais, que o goberno local do PSOE retivo durante meses a documentación destes contratos para evitar que o BNG puidese probar as irregularidades cometidas. “O alcalde chegou a mandarnos unha carta asegurando que todo estaba feito correctamente e á vista dos informes da Intervención advertindo destas irregularidades temos que concluír que o alcalde mentía cando dixo iso”, explica Del Río.

“O que non entendemos é que o goberno local do PSOE continúe contratando ás empresas que lle peta para continuar con eses contratos irregulares cando ten arredor de unha vintena de traballadores de obras e xardinería no Concello”, denunciaron desde o BNG. “Que intereses está a defender o goberno local con esta actitude?” se preguntan, xa que “hai persoal de sobra para reparar beirarrúas e xardíns con medios municipais, polo que non entendemos que beneficio dá a Betanzos pagar por algo que xa pode facer o propio Concello”.

“O goberno do PSOE impide que todas as empresas poidan optar en igualdade de oportunidades a facerse cun contrato do Concello”, advertiu o voceiro do BNG. Insistiu en que “hai que ser escrupuloso na forma en que se xestionan os fondos públicos, sobre contratos e procesos selectivos non pode haber a máis mínima sobra de dúbida cando temos 1255 veciños e veciñas sen emprego”.

O BNG denuncia q o PSOE contrata mantemento e xardinería cando ten 20 operarios en nómina