O BNG exixe que o PSOE recúe e presente unhas bases de contratación ao Pleno
Cando temos 1255 veciños e veciñas sen emprego non se pode permitir a máis mínima sombra de dúbida sobre os métodos de contratación nunha administración que xestiona cartos públicos.
Betanzos, 26 de febreiro de 2013. O BNG presentou esta mañá nunha comparecencia pública a moción de urxencia que levará ao Pleno para exixir que o goberno do PSOE presente nun mes as bases xerais de contratación de persoal. Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, onte o goberno do PSOE comunicou aos grupos a súa intención de desvincularse do acordo impulsado polo BNG para aprobar unhas novas bases no Pleno e aprobar as súas bases por resolución da Alcaldía.
Este goberno é incapaz de negociar con ninguén, nin negocia cos grupos da Corporación nin negocia unha cousa como esta co persoal municipal, explicou o voceiro nacionalista. Furtando este asunto ao Pleno o PSOE opta por esconderllo á veciñanza e aos traballadores municipais, explicou o nacionalista, que recordou que o executivo do PSOE procedeu co mesmo xeito coa relación de postos de traballo (RPT) anexa ao ornamento e así lles foi por querer sacar adiante unha ilegalidade, que ao final non saben nin eles o que aprobaron.
O voceiro do BNG explicou que o PSOE estivo ano e medio mareando a perdiz e perdendo o tempo a propósito co neste tema. Denuncia que se o goberno local se puxo coas bases de contratación foi pola nosa insistencia, xa que levamos o tema varias veces ao Pleno. Se o PSOE non tiña a máis mínima intención de aprobar no Pleno unhas novas bases, excusaba apoiar as mocións que presentamos nese sentido, indicou o nacionalista. Claro que se cadra é que tiña nalgún tipo de interese en manter a situación actual e ir aprobando as bases que lles conviña para cada praza, a pesar das ilegalidades cometidas nalgún casoe que xa denunciamos, explicou.
Para Del Río, que compareceu acompañado da edila María Otero, en todo momento hai que ser escrupulosísimo no que ten a ver co emprego público e a xestión dos cartos de todas e todos, pero máis aínda nun momento como o actual. Cando temos 1255 veciños e veciñas sen emprego non se pode permitir a máis mínima sombra de dúbida sobre os métodos de contratación nunha administración que xestiona cartos públicos, aseguran Del Río e Otero.
Con estes feitos, logo haberá quen se estrañe de que a veciñanza teña a imaxe que ten dos políticos e que aparezan corruptelas e demais, advertiu. Por este motivo, os nacionalistas presentarán unha moción reclamando que se forme unha comisión cos grupos da Corporación e os representantes legais dos funcionarios e o persoal laboral municipal para presentar nun mes unhas bases xerais de contratación á aprobación do Pleno.