O BNG denuncia que o PSOE obstaculiza o seu traballo como oposición
O PSOE non dá resposta ás preguntas do BNG, nega o acceso á información, esconde escritos do Valedor e non lle respostan... exactamente o mesmo que lle criticaban ao PP no seu momento.
Betanzos, 31 de outubro de 2013. O BNG acusou ao goberno local do PSOE de obstaculizar o seu cometido de oposición ao non responder as preguntas formuladas no Pleno ou achegar a documentación á que os concelleiros da oposición ten dereito a acceder. O PSOE énchese a boca falando de transparencia e participación, pero á hora da verdade compórtase de forma totalmente contraria, indica o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Os nacionalistas denuncian que o goberno local do PSOE convoca as comisións cando lle cadra, sen un horario fixo que permita organizarse aos concelleiros da oposición. Non está de máis recordarlle ao goberno local que a diferenza deles, o BNG non vive desto e os concelleiros nacionalistas non están todo o día para o que dispoña o PSOE, asegurou o edil do BNG no Pleno no momento de presentar unha queixa pola convocatoria da comisión de honras para dúas horas antes do Pleno, sen ningún asunto máis que aprobar unha acta e logo dun ano da última xuntanza que tivo.
O Valedor do Pobo advertiu ao Concello de Betanzos que ía declaralo como hostil e entorpecedor das súas funcións porque o alcalde non responde aos seus requerimentos
Ademais, os nacionalistas desvelaron que o Valedor do Pobo advertiu ao Concello de Betanzos en agosto de 2011 que ía declaralo como hostil e entorpecedor das funcións do Valedor. A razón é que o alcalde do PSOE, Ramón García, como anteriormente fixera a alcaldesa do PP María Faraldo deu a calada por resposta varias veces cando o Valedor lle reclamaba o cumprimento da súa recomendación para modificar a taxa do Conservatorio. Concretamente, foron sete as veces que o Valedor se tivo que dirixir ao goberno municipal do PP, sen conseguir ser escoitado. En xuño de 2011 advertía a Ramón García que son inaceptábeis dilacións do Concello na tramitación do cambio da taxa. O goberno do PSOE, que tampouco respondeu ao Valedor do Pobo, acabou 2011 con tres requerimentos do alto comisionado do Parlamento. A mesma transparencia que tiña o PP ten o PSOE, e non o di só o BNG, senón tamén o Valedor do Pobo, advirte Del Río.
Temos que pedir ata dúas ou tres veces algunha documentación porque o goberno do PSOE achega o que lle peta e non o que lle pedimos
Desde o BNG critican, ademais, que temos que pedir ata dúas ou tres veces algunha documentación porque o goberno do PSOE achega o que lle peta e non o que lle pedimos. A modo de exemplo, os nacionalistas aseguran que tiveron que pedir 3 veces os documentos relativos á liquidación da taxa das terrazas e dúas veces as sentenzas contra o Concello por impago de facturas. Por non falar xa de que teñen que achegarnos a documentación en cinco días segundo a Lei e hai algunha que tarda meses, engaden.
Outra mostra máis da opacidade do goberno local do PSOE é a falta de resposta ás preguntas que o BNG formula nos Plenos. No Pleno do pasado martes respondíanse as preguntas formuladas no pasado mes de setembro, cando o BNG presentou unha extensa pregunta relatando varias irregularidades do proceso selectivo para docentes no obradoiro de emprego que actualmente se imparte. Indicando mesmo con datos varias deficiencias e requerindo explicacións concretas, por toda resposta o goberno local deunos as bases para a selección do persoal, denuncia Del Río. Nin responderon ás eivas denunciadas nin diron explicacións polas decisións que tomou o Concello, tal e como preguntamos, asegura.
Preguntamos por un informe que o goberno local remitiu ao Ministerio de Traballo sobre o edificio sindical, que provocou que o goberno de Rajoy tapiase o edificio porque o Concello asegurara que era unha ruína, recorda. E a resposta do goberno local foi limitarse a dicir que o edificio non é propiedade do Concello, relata.
Outro exemplo o poñen coa pregunta formulada no pleno de agosto sobre a contratación irregular de bombeiros para cubrir o lanzamento do globo por parte da concesionaria. Quixemos saber se o Concello advertira da ilegalidade deste proceder e se ía presentar unha queixa no Consorcio Provincial de Emerxencias e a resposta que nos deron non ten nada que ver co que preguntamos, denuncian. Tan só nos dixeron que pediran efectivos ao parque comarcal para cubrir o evento, relatan desde o BNG.
É moi raro que o goberno do PSOE responda realmente ás nosas preguntas, e iso que as achegamos por escrito para que poidan levar boa nota dos datos que solicitamos
Isto non é algo casual, é moi raro que o goberno local do PSOE responda realmente ás nosas preguntas, e iso que as achegamos por escrito para que poidan levar boa nota dos datos que solicitamos, engaden. Os nacionalistas entenden que o goberno do PSOE actúa así a mantenta, para obstaculizar o traballo da oposición e evitar que poidamos achegar probas das súas irregularidades.
Énchense a boca falando de participación e creando consellos que non dan participación porque non se lle dá ao tecido social capacidade para influír nos orzamentos e programación do goberno, explican. O PSOE fartouse de prometer transparencia, pero desde o primeiro momento a opacidade e a calada por resposta son a súa forma de actuar, denuncian. teñen exactamente a mesma idea de transparencia e da participación veciñal o PSOE e o PP, agora o PP critica o que antes facía e o PSOE fai o que antes criticaba pero comparten as formas e o fondo e tan só fan unha comedia para aparentar que son diferentes, asegura Henrique del Río. E para mostra está exactamente o mesmo trato que deron ao Valedor un e outro, conclúe.