O BNG denuncia irregularidades nas bases para a contratación de persoal para o CeMIT
Celebramos que por fin o PSOE se digne a cubrir este posto para reabrir a aula, mais é lamentábel que todos os anos o PSOE faga convocatorias que non se adaptan á Lei
Betanzos, 5 de maio de 2014. O BNG reclamou ao goberno local a modificación das bases do proceso selectivo para cubrir a praza de axente TIC para a Aula CeMIT debido ás irregularidades que contén. Celebramos que por fin o PSOE se digne a cubrir este posto para reabrir a aula, mais é lamentábel que todos os anos o PSOE faga convocatorias que non se adaptan á Lei para cubrir as prazas que saca a concurso, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas advirten de que as bases están tan mal feitas que até piden unha titulación académica, diplomatura en Informática, que xa non existe. Se acaso debería primeiro ciclo da Enxeñaría Técnica en Informática de Xestión ou Sistema ou o actual grao equivalente, explica Del Río, que engade que ademais estas bases deberían incorporar o actual sistema de graos ou cando menos as súas equivalencias.
A Lei establece o galego como un requisito para o acceso á Función Pública, pero o goberno do PSOE sitúao nestas Bases ao mesmo nivel que un curso de mecanografía, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Non establecen ningún sistema de probas para acreditar o dominio da lingua galega nin se establece que nivel de dominio do idioma é o que se require para cada unha destas prazas, engade.
Desde o BNG recordan que estas irregularidades xa foron postas de manifesto cada vez que o goberno local do PSOE tratou de contratar un auxiliar administrativo para Servizos Sociais á marxe do que establecen as Bases Xerais de Contratación do Concello e a propia lexislación vixente. O pasado 23 de abril, o BNG presentou un recurso polas irregularidades nas bases para cubrir un posto de auxiliar administrativo e outro de psicólogo, que foi ignorado polo goberno local e ao que aínda non se nos respondeu. Por este motivo, os nacionalistas lamentan que o goberno persista de maneira contumaz nestas irregularidades.
O bo de que o goberno do PSOE faga estes procesos para contratar persoal inzados de irregularidades é que eles mesmos poñen en evidencia as súas mentiras sobre que resulta imposíbel contratar persoal, ironiza Del Río. Desde o BNG reclaman ao PSOE que deixe de mentir sobre a contratación de persoal aos veciños e veciñas.
Este proceso selectivo deixa en evidencia outra mentira máis do PSOE, que a subención para a Aula CeMIT non cubría a contratación de persoal, engade. Recorda que o BNG presentou unha moción para cubrir esta praza, vacante desde que expirou o contrato a anterior responsábel da sala en decembro. O goberno local estivo dando largas e ignorando á veciñanza que mesmo recolleu sinaturas para que reabrise a Aula, recorda Del Río.