O BNG demanda que se ordenen as terrazas para garantir o acceso a vivendas e comercios
Se ao goberno do PSOE non lle convence agora a ordenanza de terrazas que aprobou o anterior alcalde do PSOE, que a modifique no que lle pareza, xa que deixala sen aplicar nuns casos e aplicala noutros é unha arbitrariedade que levanta todo tipo de suspicacias e prexudica á veciñanza, e así non pode funcionar un Concello
Betanzos, 4 de xuño de 2014. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local do PSOE poña orde nas terrazas de hostalaría. Os nacionalistas trasladaron o malestar veciñal asegurando que persoas en cadeira de rodas non poden transitar polas beirarrúas e todo tipo de persoas atopan problemas mesmo para acceder a outros comercios e aos seus propios domicilios.
Segundo explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, esta queixa repítena persoas en distintos puntos da cidade debido ao descontrol na instalación das cadeiras e demais elementos das terrazas dos locais de hostalaría. Evidentemente non se pide que se saquen, senon que se garanta o acceso a outros locais comerciais e mesmo aos domicilios da xente, abunda.
Este problema, que foi trasladado por algunhas destas persoas ao goberno do PSOE sen que o solucionase, é previsíbel que vaia a máis coa chegada do bo tempo e o aumento das terrazas advertiu, polo que urxiu ao executivo local a adoptar medidas canto antes.
Na mesma liña, desde o BNG preguntaron no Pleno pola diferencia de criterios na exixencia de cumprimento do horario dos locais hostaleiros. Así, mentres algunhas veciñas aseguraron aos nacionalistas que por máis que chaman ao Concello non se lle dá solución a esta situación que compromete o seu descanso en outras ocasións outros locais se lles aplica milimetricamente a normativa, sancionándoos mesmo por estaren a medio pechar apenas uns minutos por fóra do horario. Non considera o goberno local que deben ser tratados por igual todos os establecementos, interpelou Del Río.
O que non pode ser é que o goberno do PSOE, por querer quedar ben con todo o mundo, estea prexudicando á veciñanza, engadiu Del Río. Se ao goberno do PSOE non lle convence agora a ordenanza de terrazas que aprobou o anterior alcalde do PSOE, que a modifique no que lle pareza, indicou. Pero deixala sen aplicar nuns casos e aplicala noutros é unha arbitrariedade que levanta todo tipo de suspicacias e prexudica á veciñanza, e así non pode funcionar un Concello, asegura.
O goberno do PSOE deixou caducar o expediente da terraza da praza Domingo Etcheverría
Os nacionalistas denuncian que o goberno do PSOE leva actuando arbitrariamente todo o actual mandato no que ás terrazas se refire. Advirten de que o goberno local paralizou a tramitación dun expediente sancionatorio por ocupar sen autorización a praza de Domingo Etcheverría cunha terraza. Desde que os afectados presentan alegacións diante da proposta de sanción, no 2011, non se volve a facer ningunha actuación por parte do goberno local explica o edil do BNG.
Desde o BNG lembran que o PSOE foi moi crítico con esta instalación cando estaba na oposición, pero desde que chegou ao goberno local esqueceu por completo o tema. Só lles interesaba o tema para saír na prensa e non lles importa a praza nin os intereses da veciñanza, asegura Del Río, que lamenta que como en moitas outras cousas, o goberno do PSOE está a facer exactamente o mesmo que lle criticaba ao goberno anterior do PP.