O BNG denuncia irregularidades na selección de persoal e alumnado para o obradoiro de emprego
Del Río: O problema no fondo é que non hai unha proba obxectiva de coñecementos e ten un peso esaxerado a entrevista persoal, que é totalmente subxectiva
Betanzos, 10 de outubro de 2013. O BNG levou ao Pleno as queixas das persoas que participaron na selección para o obradoiro de emprego de atención sanitaria que a Xunta concedeu ao Concello. Temos recibido queixas de varias persoas sobre o proceso selectivo, cunha entrevista que pesa na valoración máis que o resto de méritos que poidan ter presentado as persoas interesadas indicaron os nacionalistas.
Varias persoas relacionadas co proceso indicaron aos nacionalistas que posgraos oficiais en especialidades e disciplinas directamente vinculadas ao contido do obradoiro e debidamente acreditados ían ser baremados como simples cursillos polo tribunal, conformado por dúas persoas da oficina do INEM de Betanzos e dous traballadores do Concello de Betanzos.
Desde o BNG recordaron que o goberno local do PSOE, a través de varios comunicados de prensa, daba a entender que o propio Concello corría coa selección de persoal. Por este motivo, os nacionalistas exixiron ao goberno do PSOE que aclare por non se optou por unha convocatoria pública para a cobertura das prazas de directivos, docentes e administrativos deste obradoiro de emprego se o programa de obradoiros de emprego da Xunta admitía esta posibilidade.
Ademais, os nacionalistas denunciaron no Pleno que o alcalde negou a persoas interesadas que o interpelan sobre o asunto, que o Concello tivese algo que ver nesta selección cando o certo é que dous empregados do Concello están a participar nese proceso. Non se pode remitir comunicados de prensa para anunciar un obradoiro de emprego e logo, cando hai queixas, renegar del, asegura o voceiro nacionalista.
Os nacionalistas, no Pleno do pasado 24 de setembro, cuestionaron que a día de hoxe non hai publicada ningunha lista de puntuacións para as persoas interesadas. Esta lista foi publicada na web municipal hai dous días, co obradoiro xa en marcha. Normal, desde logo, non parece, ironizou Del Río.
Os nacionalistas aseguraron que con todo isto o goberno local do PSOE non está garantindo que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades en canto ao acceso a estas prazas caso de reunir todos os requisitos.
O problema no fondo é que non hai unha proba obxectiva de coñecementos e ten un peso esaxerado a entrevista persoal, que é totalmente subxectiva, conclúe.