O BNG critica que o PP pretenda lavar a súa conciencia facendo beneficencia a través dun espectáculo
Se a intención é realmente axudar e non sacar rédito político non se fai publicamente a través dos medios de comunicación.
Betanzos, 5 de xaneiro de 2013. O BNG non participou do torneo benéfico organizado polas mocidades do PP porque non tivo convite oficial ao mesmo. Ademais, aínda que mediase convite formal, o BNG non asistiría a un evento deste tipo porque o PP non cre nos servizos sociais e vai na liña de substituír un dereito como os servizos sociais por caridade ou beneficencia, unha visión que non comparte o BNG.
Os nacionalistas aseguran que nós non imos avalar as políticas que están destruíndo os servizos sociais e que comparten PP e PSOE. Os partidos que defenden un sistema que está creando grandes bolsas de pobreza e problemas, incluso, para a supervivencia das persoas agora pretenden lavar a cara facendo caridade, parécenos vergoñento, explicaron os nacionalistas. Se a intención é realmente axudar e non sacar rédito político non se fai publicamente a través dos medios de comunicación, cuestionan.
O que están facendo eses partidos aos que non lles treme a man á hora de recortar en servizos sociais, privatizar servizos básicos como a educación e a sanidade ou recortar as pensións aos anciáns é pura hipocrisía, insistiron. De ningunha maneira o BNG vai participar en circos deste tipo, aseguran os nacionalistas citando a Galeano para asegurar que "a caridade é humillante porque se exerce verticalmente e dende arriba, a solidariedade é horizontal e implica respecto mutuo".
O BNG valora o traballo das ONG e entidades que traballan nese eido, mais entenden que esta actuación sempre debe ser complementar á que desenvolvan os gobernos creando servizos públicos e garantindo os dereitos da veciñanza e non substituír aos servizos públicos.