O BNG denuncia que o goberno do PSOE evita as comisións participativas para non escoitar á veciñanza
"En lugar de convocar a comisión para redactar unha ordenanza reguladora das antenas, contando cos afectados como acordou o Pleno, o alcalde opta por conversas de corredor cos voceiros dos grupos da Corporación.
Betanzos, 19 de febreiro de 2013. O BNG denunciou esta mañá que o goberno local do PSOE non quere escoitar a opinión da veciñanza sobre a colocación dunha antena de telefonía móbil en Viraventos. Só así pode entenderse que en lugar de convocar a comisión que o Pleno decidiu crear para redactar unha ordenanza reguladora contando cos afectados, o alcalde opte por conversas de corredor cos voceiros dos grupos da Corporación, explicou o portavoz do BNG, Henrique del Río.
O BNG recorreu a convocatoria por parte do alcalde dunha xunta de portavoces- órgano que non existe no Concello de Betanzos- porque o rexedor do PSOE evita así convocar ás plataformas contra desafiuzamentos para evitar estes desaloxos no concello, como o Pleno acordou a instancias do BNG. Con este proceder o alcalde veta a participación das entidades representativas de comerciantes, empresarios e desempregados no deseño do viveiro de empresas, boicoteando o acordo do Pleno que nós promovimos, insisten desde o BNG.
O BNG asegura que o bloqueo destas tres comisións e a súa substitución por unha conversa informal responden á tentativa do goberno do PSOE por poñer freo e impedir a participación veciñal. A esta mesma intención responde, según o BNG, que o alcalde volte a convocar aos grupos para falar do regulamento de uso dos locais sociais cando o que ten que facer é executar unha norma que está plenamente vixente e crea dereitos e obrigas para veciñanza e Concello.
Non sabemos para que apoiou o PSOE crear unha comisión para a ordenanza de antenas, outra para o regulamento do viveiro de empresas e outra contra desafiuzamentos se a súa intención era non convocalas, boicotealas e mudar a transparencia e participación da veciñanza por opacidade, escurantismo e un pacto de palacio cos grupos da dereita, lamentan os nacionalistas.
O PP pretende ampliar os privilexios duns poucos
Non somos nós os que perseguimos a relixión, é a relixión a que nos persegue a nós desde que goberna o PP, cada vez máis metida no Estado, ironizou o voceiro do BNG, Henrique del Río, a propósito das descualificacións proferidas polo PP sobre a negativa do BNG a ampliar as exencións nos tributos municipais para a Igrexa Católica.
Nós non temos nada en contra de que a Igrexa faga beneficencia, insistiu o nacionalista. O problema témolo con quw as institucións fagan deixadez do que deberan ser dereitos e con que se siga beneficiando a unha institución que amasa fortunas mentres se segue recortando aos de sempre, insistiu.
En todo caso, a negativa do BNG a dispensar da taxa de cemiterios ás congregacións relixiosas foi avalada pola Intervención municipal, que nun informe manifestaba que a proposta do PP non está amparada na legalidade vixente. O BNG, que publicará o informe na súa web para que a veciñanza o poida consultar, reta ao PP a que exixa do goberno local que se vote no Pleno a súa proposta de perdoar os dereitos funerarios á Igrexa.
Se o PP considera desnortada e errática a defensa que no BNG facemos da igualdade de trato a todas as persoas recibimos a descualificación como un piropo, ironizou o voceiro nacionalista. O PP pretende seguir ampliando os privilexios duns poucos, por iso está tan molesto coa postura e propostas do BNG, concluíu.
Documentación: informe taxas cemiterio igrexa