O BNG demandará no pleno instar á Xunta a aprobar de inmediato axudas para a hostalaría
Amelia Sánchez: “A situación de moitos destes empresarios, na maior parte autónomos e pequenos empresarios, é límite”.
O BNG na súa moción insistiu tamén nas dificultades que a causa da Covid están vivindo os pequenos comercios e pediu que se axilice a resolución e o cobro de todas as axudas aos sectores do comercio, a hostelaría e os servizos que aínda se están tramitando desde o primeiro confinamento a causa da pandemia do Covid.
Betanzos, 22 de xaneiro de 2021. O BNG presentou unha moción con medidas de apoio á hostalería e o comercio diante da situación crítica que están vivindo coas medidas para o control da Covid-19. “Desde a aparición da pandemia global da Covid-19, dous dos sectores máis afectados teñen sido e son, sen lugar a dúbidas, o pequeno comercio e a hostelaría e servizos”, explicou a portavoz do BNG, Amelia Sánchez.
“As últimas medidas, que o goberno tomou esta semana pasada -peche perimetral do noso concello e peche do interior dos locais de hostalería e modificacións de horarios-, veñen acrecentar de xeito alarmante os problemas a que están facendo fronte, pois seguen asumindo pagamentos (alugueiros, recibos de autónomos, materias primas, seguros...) ao tempo que ven reducidos ao extremo os seus ingresos ou mesmo desaparecen e observan como as axudas seguen sen chegar. A situación de moitos destes empresarios, na maior parte autónomos e pequenos empresarios, é límite”, engadiu a nacionalista.
“Neste sentido, é necesario que os distintos gobernos (municipal, galego e central) leven adiante políticas en beneficio destes sectores, para que baixen os gastos fixos de mantemento destes negocios. Unhas medidas que compensen os peches encubertos e que impidan que eses peches se transformen en definitivos.” Indicou Sánchez. Desde o BNG demandarán que o Pleno inste á Xunta de Galiza a que articule unha nova convocatoria de axudas aos sectores directamente afectados polos peches perimetrais e polos toques de queda.
Apoio ao pequeno comercio
O BNG na súa moción insistiu tamén nas dificultades que a causa da Covid están vivindo os pequenos comercios e pediu que se axilice a resolución e o cobro de todas as axudas aos sectores do comercio, a hostelaría e os servizos que aínda se están tramitando desde o primeiro confinamento a causa da pandemia do Covid.
Ademais desde o BNG volven a poñer sobre a mesa medidas de apoio ao pequeno comercio como o banco de locais comerciais ou a app para compras a través de internet no pequeno comercio tal e como acordaron coa dirección de ACEBE nunha reunión que celebraron a pasada semana.