Propuxemos un servizo de asesoramento a autónomos e PEMES desde a unidade de promoción económica do concello
Insistimos na necesidade de poñer en marcha un mercado virtual, unha páxina que centralice as ventas online dos produtores e comercios de primeira necesidade que continúan funcionando, e a posta en funcionamento dun reparto domiciliario.
Betanzos, 14 de abril de 2020. O BNG presentou una nova batería de propostas ao goberno local para facer fronte ao confinamento. Así, as nacionalistas propoñen que desde a Unidade de Promoción Económica se faga un documento de resumo das distintas liñas de axuda actualmente existentes tanto desde o Estado como da Xunta e a reorientación do PEL da Deputación para autónomos, microempresas e PEMEs a fin de reactivar a economía e paliar os efectos da crise desde a declaración do estado de alarma. “Propoñemos que este documento se envíe a autónomos e pequenos comerciantes do concello e que se habilite unha vía de comunicación telemática para informar sobre estas axudas”, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río, “propoñemos tamén que se estuden vías municipais de axuda a pequeno comercio e autónomos”.
Desde o BNG recordan que “o comercio é un sector estratéxico para Betanzos, tanto a nivel de emprego como de xeración de riqueza”, polo que entenden que “o Concello ten que implicarse agora máis cá nunca”. Por este motivo, ademais, insisten na necesidade de poñer en marcha un mercado virtual, unha páxina que centralice as ventas online dos produtores e comercios de primeira necesidade que continúan funcionando e a posta en funcionamento dun reparto domiciliario.
“É unha axuda para as persoas que debemos permanecer no fogar, unha alternativa ás grandes superficies e un balón de oxíxeno moi necesario para comercio e produtores”, explica Del Río. “Entendemos que veñen complementar as que foi tomando o goberno local até a data, que xa respaldamos mesmo antes do estado de alarma”, abundan desde o BNG.
O BNG volveu trasladar todo o apoio, recoñecemento e orgullo ás persoas que están en primeira liña plantando cara ao virus, mesmo poñendo en risco a súa seguridade, para que a maioría da poboación poda estar atendida e coas necesidades básicas cubertas. Igualmente, toda a solidariedade e cariño coas familias que perderon algún ser querido, ou que viven situacións persoais de contaxio, para todos e todas unha aperta solidaria.
Finalmente, o portavoz nacionalista pediu á veciñanza “que queden na casa xenerosamente e que miren de saír o mínimo posíbel”. “É fundamental cumprir coas recomendacións das autoridades sanitarias para atallar esta situación, é o noso contributo ao traballo de sanitarias, limpadoras, transportistas, labregas e empregados de tendas de alimentación, traballadoras do SAF....” concluíu.