O BNG demandará no Pleno que se inste ao Ministerio de Facenda a dar marcha atrás no catasatrazo"
Desde o BNG reclaman que non se lles esixa ás persoas propietarias pagos retroactivos en exercicios anteriores do IBI, así como que se declare a exención da taxa de regularización catastral cando afecten a alteracións relacionadas con obras de rehabilitación ou conservación ou de elementos e edificacións vinculadas á actividade agraria
Betanzos, 25 de abril de 2016. O BNG demandará mañá no Pleno que se inste ao Ministerio de Facenda a dar marcha atrás no catasatrazo. As nacionalistas sinalan que é inxusto que o PP reclame, de maneira retroactiva ademais, o pago da contribución por construcións auxiliares vinculadas á actividade agraria.
Esta medida é continuadora das políticas fiscais do PP, subas xeneralizadas nos impostos que pagan as maiorías sociais e rebaixas nos que paga unha minoría privilexiada, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. É curioso que esta medida do goberno Rajoy grave instalacións agrarias, como pendellos, alpendres ou mesmo hórreos como superficie construída de vivenda, mais deixe fóra deliberadamente outro tipo de construcións como as piscinas dos chalés, que non teñen un destino produtivo, indican. Unha política de rigor e exixencia fiscal para as rendas medidas e baixas e laxitude e permisividade coas rendas altas e as grandes fortunas aseguran.
Esta malchamada regularización catastral implica o pagamento dunha taxa de 60 por cada alta no catastro, que á súa vez implicará un aumento do valor catastral do inmoble revisado e, polo tanto, incrementará tamén a base impoñible do IBI advirte. A partir disto, tamén pode ter repercusión indirecta noutros impostos (IRPF, plusvalía municipal, sucesións), que á súa vez incide mesmo incluso en subvencións públicas como as bolsas escolares dado que teñen módulos patrimoniais referenciados no catastro como límites obxectivos para accederen á ditas axudas informou o concelleiro do BNG.
Por este motivo, ademais de manifestar a desconformidade do Concello de Betanzos, un dos afectados por esta decisión do goberno español do PP, as nacionalistas pedirán ao Pleno que demandar que a revisión do valor dos inmóbeis no catastro se efectúe tendo en conta o seu valor real, partindo da súa función económica, do dinamismo demográfico e do mercado inmobiliario concreto do concello, sen a aplicación e extrapolación de módulos obxectivos realizados de forma homoxénea a partir dunha visión centralista.
Ademais, en función dese proceso, desde o BNG demandan que non se lles esixa ás persoas propietarias pagos retroactivos en exercicios anteriores do IBI, así como que se declare a exención da taxa de regularización catastral cando afecten a alteracións relacionadas con obras de rehabilitación ou conservación ou de elementos e edificacións vinculadas á actividade agraria.
Finalmente, o BNG propón que se demande a Facenda que as construcións e edificacións auxiliares das vivendas no medio rural, así como todas as edificacións vinculadas á actividade agraria ou gandeira teñan exencións no IBI. E que no futuro non se compute o patrimonio que estea afecto ou vinculado á actividade agraria, gandeira ou forestal para a baremación de umbrais patrimoniais nas becas, bolsas e axudas ao estudo conclúe Del Río.