O BNG demandará no Pleno que se cubra a vacante de xinecoloxía do COF do Ventorrillo
28 mar. 2016 - 13:57
Esta unidade do centro de especialidades do que depende Betanzos leva sen dar servizo ás mulleres desde xaneiro de 2013. Demandan a fin da violencia obstétrica na área sanitaria coruñesa e a apertura dunha investigación.
Betanzos, 25 de marzo de 2016. O BNG trasladará ao Pleno a denuncia por violencia obstétrica na área sanitaria coruñesa feita pola Plataforma Galega polo Dereito ao Aborto da Coruña. As nacionalistas pedirán que se reclame ao SERGAS a apertura dunha investigación para determinar cal foi a atención prestada ás mulleres que precisaron dun aborto de máis de 14 semanas por causas médicas, tanto aquelas que tiveron o expulsivo (parto) na habitación de ingreso, como as que foron derivadas a un centro privado de Madrid.
A atención ás mulleres que teñen un aborto no 2º trimestre da xestación está definida segundo varios protocolos internacionais, mais non se están a cumprir estes mínimos, denuncian as nacionalistas. Por este motivo, pedirán que o Pleno exixa á Xunta que adopte as medidas oportunas para garantir unha atención integral e de calidade na atención ás mulleres que precisan un aborto no 2º trimestre do seu embarazo. A proposta das nacionalistas é que a Xunta garanta a mesma atención que nun parto (indución, expulsivo e despois deste en sala axeitada, con posibilidade de anestesia epidural e atención por parte de profesionais de xinecoloxía e matrona), incluído o apoio emocional á muller durante todo o proceso, tendo en conta as súas necesidades, inquedanzas e desexos para poder abordar de xeito integral a súa saúde física e psíquica.
Neste sentido, desde o BNG solicítase apoio aos demais grupos para demandar á Xunta que se cubra a vacante de xinecoloxía do COF (centro de orientación familiar) do Ventorrillo, para garantir a atención dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres de Betanzos e os concellos das Mariñas. Desde xaneiro de 2013 non se cubre a praza do COF do Ventorrillo, que é o que nos corresponde, como xa denunciamos no Pleno no seu día, lembra o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas piden ao Pleno que se posicione demandando á Xunta que garanta que as mulleres van ter unha atención integral do aborto nos hospitais públicos sen que o seu dereito estea subordinado a criterios ideolóxicos como o da obxección de conciencia. Semella que hai dereitos de primeira e de segunda categoría e iso é sinxelamente inadmisíbel, engade Del Río.
Finalmente, o BNG pedirá apoio para reclamar á Xunta a creación de dous centros de referencia no país para a atención da Interrupción Voluntaria do Embarazo (IVE), un na zona norte e outro da zona sur, con persoal sanitario especializado, co obxecto de garantir a execución dos protocolos internacionais sobre os Dereitos Sexuais e Reprodutivos - recoñecidos como dereitos humanos- na rede pública de saúde galega. Isto evitará que as mulleres que precisen abortar no segundo trimestre de xestación teñan que ir soas a unha clínica madrileña, explican.