O BNG demanda que se repare o camiño dos Caneiros
Os nacionalistas reclaman tamén ao goberno local que repare os distintos peiraos situados nos ríos e na ría.
Betanzos, 13 de maio de 2014. O BNG reclamou no Pleno que o goberno local se dirixa á Xunta e o Concello de Coirós para reparar o camiño dos Caneiros. A pesar de estar ben entrada a primavera a senda peonil dos Caneiros presenta un estado lamentábel faltando incluso o valo en varios puntos co perigo que isto conleva para quen pase por alí, como nos teñen trasladado varias persoas indicaron os nacionalistas no Pleno.
Aínda que os Caneiros non están no término municipal de Betanzos si que son un activo turístico e medio ambiental de primeira orde para o noso concello, explican desde o BNG. Os nacionalistas requeriron do executivo socialista prazos concretos para reparar a senda peonil e garantir a seguridade das persoas que o transitan.
Ademais, o BNG reclamou ao goberno local do PSOE que repare os distintos peiraos situados nos ríos e na ría. Vai entrar a tempada de verán e os peiraos terán moita máis actividade, e o estado de algúns compromete a seguridade dos veciños e veciñas que se dispoñen a pasar unha xornada de lecer no río, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas recordaron que en decembro de 2011 o Pleno aprobou unha moción do seu grupo neste sentido, sen que, despois de varios anos, o executivo do PSOE actuase para reparar o deficiente estado de conservación do pavimento e os muros dos paseos, así como as numerosas eivas que presentan as escadas e puntos de amarre dos distintos peiraos.
Desde o BNG lamentan, ademais, a escasa atención que a Xunta e o Estado outorgan á bacía do Mandeo. Aseguran que, despois de case unha década nin PSOE nin PP foron capaces de poñerse de acordo para repoñer o camiño do Penso logo de que o Mandeo o tragase. Neste sentido, cuestionan que o PP se negara a comprometer cartos para sanear e poñer en valor o río, como demandaron no Parlamento de Galiza.
Do mesmo xeito, os nacionalistas lamentan que o PP votase en contra de destinar fondos á rexeneración das rías galegas, para o que o BNG pedía 30 millóns de euros. Temos practicamente toda a ría de Betanzos como zona C, pechada ao marisqueo, pero para o PP rexenerala e crear emprego nela non é unha prioridade, denuncia Del Río. Iso si, logo fártanse de facer discursos baleiros e xogos florais sobre a declaración como Reserva da Biosfera dunha ría que está na UCI e á que non destinan un patacón, asegurou.