“NO BNG TÉMOLO CLARO E ASÍ O PUXEMOS NAS ALEGACIÓNS AO PXOM, O EDIFICIO DO MANDEO 50 TEN QUE DESAPARECER E NESE ENTORNO TEÑEN QUE ADMITIRSE TAN SÓ VIVENDAS UNIFAMILIARES”
O BNG advirte do perigo de derrubamento en varios puntos do Camiño da Veiga
Cede un noiro e o muro de carga do Mandeo 50 inclínase, polo que demandan medidas para evitar danos maiores e rematar o proxecto de arranxo de todo o camiño, a medio facer tras executarse un POS
“No BNG témolo claro e así o puxemos nas alegacións ao PXOM, o edificio do Mandeo 50 ten que desaparecer e nese entorno teñen que admitirse tan só vivendas unifamiliares”
Cede un noiro e o muro de carga do Mandeo 50 inclínase, polo que demandan medidas para evitar danos maiores e rematar o proxecto de arranxo de todo o camiño, a medio facer tras executarse un POS
“No BNG témolo claro e así o puxemos nas alegacións ao PXOM, o edificio do Mandeo 50 ten que desaparecer e nese entorno teñen que admitirse tan só vivendas unifamiliares”
Betanzos, 18 de xuño de 2025. O BNG levou ao Pleno a preocupación de veciñanza e persoas que utilizan o Camiño da Veiga polo perigo de desprendemento en varios puntos. A voceira do BNG, Amelia Sánchez, indicou que “ xa advertimos varias veces que o muro de carga da finca na que se asenta o edificio do Mandeo 50 está a ceder sobre o camiño da Veiga, con evidente risco de colapso, e tamén están a cedes as beirarrúas da estrada DP-0905, e mesmo advertimos, trasladando unha queixa veciñal, que determinado tipo de vehículos xa non collen pola pista polo abombamento do muro”.
“Un pouco máis adiante, logo do cruzamento co camiño "do medio", a parte da pista que sube cara á estrada DP-0905 está caendo porque hai un noiro do terreo que cedeu e ameaza levar abaixo o camiño” relatou. Desde o BNG recordan que o amaño de todo este camiño foi incluído nun POS pero finalmente só se executou un proxecto máis pequeno, até a bifurcación do chamado Camiño do Medio, uns metros máis alá de onde remata o edificio do Mandeo 50.
Diante do perigo de que se caia o camiño e de que o muro de carga do edificio do Mandeo 50 remate cedendo, desde o BNG demandaron ao goberno local que sinale prazos e medidas concretas para atallar o perigo para a veciñanza. “Desde a pandemia este camiño é unha zona de esparcemento para moitos veciños e veciñas de Betanzos, ademais de dar servizo a vivendas, hortas e viñas e adegas do viño do país, pasa moita xente” alertan as nacionalistas.
Recuperar o camiño de arriba e rematar o proxecto
As nacionalistas insisten na necesidade de rematar de executar todo o proxecto previsto para o camiño e recuperar o uso dunha parte do camiño “de arriba”, actualmente sen pavimentar malia dar servizo a varias vivendas e ofrecer outro itinerario alternativo para saír á estrada DP-0905 e poder ordenar o tránsito en todos estes viais. “Por que motivo non se executou o proxecto incluído no POS e cando pensan cumprir coa veciñanza que demandou esta obra nos orzamentos participativos” inquiriu a voceira do BNG.
Solución para o Mandeo 50
O BNG chamou a atención tamén sobre os “numerosos anuncios que realizaron nos últimos anos sobre o edificio do núm. 50 da rúa do Mandeo”. Demandou ao goberno do PSOE que aclare, diante dos desprendementos de elementos rexistrados desde o inmoble abandonado e a suciedade e falta de seguridade que presenta “que medidas adoptaron ate a data para garantir a seguridade” e se “ten inspeccionado o departamento de urbanismo a finca para verificar a seguridade para camiños, estradas e lindeiros”.
Por estes motivos, desde o BNG exixen ao executivo socialista que aclare en que situación está actualmente o expediente deste edificio e que propostas teñen de cara o futuro. “Nós témolo claro e así o puxemos nas alegacións ao PXOM, o edificio do Mandeo 50 ten que desaparecer e nese entorno teñen que admitirse tan só vivendas unifamiliares” conclúen.