O BNG demanda que se exixa ás empresas de subministros que reparen as rúas logo de pór canalizacións
O PSOE dá por bo que sexan os cartos da veciñanza os que teñan que asumir estas reparacións en lugar de exixirllo ás empresas que se van lucrar das canalizacións.
Betanzos, 11 de setembro de 2014. O BNG reclamou no Pleno que o executivo local do PSOE exixa ás empresas de servizos que repoñan o pavimento ao seu estado orixinal cando levanten a vía pública. A comezos do verán a concesionaria do servizo da traída realizou uns traballos no cruzamento das rúas Porta da Vila, do Castro e Nova e unha vez finalizados os traballos a zanxa aberta foi cuberta de formigón indicou a nacionalista María Otero.
Desde o BNG advirten que este feito non é algo illado, senon que dáse en moitos outros puntos do municipio onde as empresas non repoñen os pavimentos ao seu estado orixinal tras finalizar os seus traballos. Por este motivo, reclamaron ao executivo local que exixa a estas empresas que repoñan os pavimentos ao estado anterior ás obras.
Os nacionalistas aseguran que o goberno do PSOE non reclama ás empresas que repoñan os pavimentos ao estado anterior, polo que entenden que o PSOE dá por bo que sexan os cartos da veciñanza os que teñan que asumir estas reparacións.
Neste sentido, desde o BNG tamén reclaman ao goberno local que asuma as súas responsabilidades no mantemento do firme das rúas e repare unha focha de considerábeis dimensións que hai no inicio da rúa dos Ánxeles. No treito inicial da rúa dos Ánxeles hai anos que se colocou unha placa de goma para evitar o levantamento do pavimento de chapacuña colocado contra a rúa dos Ferradores indicou a nacionalista María Otero.
Desde o BNG advirten de que o deterioro do pavimento, a pesar de estar tapado pola plancha de goma, é máis que evidente. Alertan de que supón un risco para quen circula por aí e recordan que a rúa soporta unha elevada densidade de tráfico cara a praza do Campo.
Os nacionalistas advirten, ademais, de que as estruturas das terrazas dos Soportais do Campo continúan formando bolsas de auga cada vez que chove con intensidade. Por este motivo, instan ao executivo local a poñer fin a unha situación que leva varios anos igual e que o PSOE na oposición criticaba.
A pesar de gastar milleiros de euros en reparacións das vías públicas, o certo é que o PSOE non vixía que estas actuacións sexan duradeiras, polo que estraga ano tras ano nas mesmas chapuzas os cartos de toda a veciñanza, lamenta Del Río, voceiro do BNG. Se obrigase ás empresas a reparar o que estragan e reparase as vías e beirarrúas cando só presentan pequenos desperfectos, habería cartos para investimentos e non só para chapuzas, conclúen.