O BNG solicita melloras no Camiño Real de Obre ao seu paso polo barrio dos Remedios
O BNG pediu melloras na limpeza, a retirada de varias ribadas que ocupan a calzada e o asfaltado e mantemento da vía
Betanzos, 22 de abril de 2024.- O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria coa finalidade de que o goberno local realice o mantemento necesario e as melloras que a veciñanza dos Remedios lle veñen reclamando no Camiño Real de Obre.
Logo de presentar outra iniciativa similar nos meses pasados, a concelleira nacionalista, Vanessa Rey, recalcou que “os veciños e veciñas do barrio dos Remedios volveron transmitirnos o seu malestar polo estado do Camiño Real de Obre. Logo das últimas choivas, houbo unha nova ribada sobre o camiño. A veciñanza está certamente preocupada por estas caídas sobre a vía pública, que se producen constantemente e non se limpan coa debida celeridade”.
As concelleiras nacionalistas puideron comprobar como hai varios desprendementos sobre as beiravías que levan meses sen limpar e como urxe poñer medidas de contención para que non se sigan a producir estas ribadas.
Na mesma liña, desde o BNG piden a limpeza das beiras do camiño, melloras no firme e o asfaltado do camiño, así como medidas para facer máis ancho a vía, así como unha nova marquesiña para agardar polo transporte público.
“Cómpre mellorar esta vía e contribuír á seguridade da veciñanza que utiliza o camiño para pasear ou para desprazarse en vehículos”, apuntou Rey.