O BNG fai públicas as súas condicións para apoiar o PXOM de Betanzos

“No BNG temos claro que Betanzos precisa un PXOM, mais non un calquera, senón un bo PXOM. Un texto que ordene e planifique o desenvolvemento e o medre de Betanzos”

“As nacionalistas cuestionan un plan urbanístico que permita unha aberración como a construción de vivenda ou edificacións en zona inundable, á beira do río Mendo”

O BNG fai públicas as súas condicións para apoiar o PXOM de Betanzos

Betanzos, 10 de abril de 2026. O BNG de Betanzos fixo público onte o estado das negociacións sobre o PXOM co PSOE. Logo de tres anos de lexislatura e de negociacións indican que se entrou nun punto crítico, en que non se están a producir avances.

A voceira nacionalista, Amelia Sánchez, manifestou que “no BNG temos claro que Betanzos precisa un PXOM, mais non un calquera, senón un bo PXOM. Un texto que ordene e planifique o desenvolvemento e o medre de Betanzos con criterios de calidade de vida, servizos ás persoas, defensa do interese común, sustentabilidade ambiental, atención especial ao dereito á vivenda, etc. O que non necesita Betanzos é un mal PXOM, que permita aberracións urbanísticas, destrúa patrimonio histórico e o medio natural, facilite a especulación ou poña por diante o lucro privado ao dereito das persoas á vivenda, aos servizos públicos e á calidade de vida”.

As nacionalistas indican que ao longo destes anos intentaron amosar unha actitude construtiva, dialogante e propositiva; indicándolle ao PSOE as súas propostas e as súas liñas vermellas.

Neste sentido, resaltan os avances en aspectos como todo o referente a Infesta (o compromiso de retirar o vial de Infesta e as mudanzas nos dous SUNC que se proxectaban no núcleo e que o convertían nunha cidade dormitorio) ou a eliminación das edificacións nas ortas do Frade e da Cañota.

Porén, o grande tema de debate vén a ser o Carregal. Segundo Sánchez, “xa en abril de 2024 o BNG comunica que a liña vermella para votar favorabelmente o PXOM é a conversión das parcelas próximas ao Mendo no Carregal en zona verde. O BNG non vai apoiar ningún PXOM que contemple ou permita a construción nos terreos inundables do Carregal”.

As nacionalistas cuestionan un plan urbanístico que permita unha aberración como a construción de vivenda ou edificacións en zona inundable, á beira do río Mendo. “Sería unha absoluta irresponsabilidade desde o punto de vista urbanístico, de seguridade, de prevención de riscos, de calidade urbana e de planificación e modelo de cidade”, engadiu Sánchez.

No BNG resaltan que o PSOE debe escoller que urbanismo quere para Betanzos. Se quere un urbanismo responsábel, o BNG ten a man tendida. Se aposta por un urbanismo irresponsable e especulativo, o BNG vai estar sempre en contra.

O BNG fai públicas as súas condicións para apoiar o PXOM de Betanzos