O BNG pide a creación dunha área de restauración ecolóxica na zona do Carregal-Ribeira-Porto de Betanzos

Amelia Sánchez: o impulso do espazo Carregal-Ribeira-Porto como área de restauración ecolóxica permitiríanos protexer a zona, facer propostas a nivel estatal ou mesmo europeo para conseguir fondos para a súa recuperación e desenvolver actuacións que eviten o asolagamento destas áreas.

O BNG pide a creación dunha área de restauración ecolóxica na zona do Carregal-Ribeira-Porto de Betanzos

Betanzos, 28 de abril de 2026. O BNG de Betanzos presentou unha iniciativa plenaria co fin de crear unha área de restauración ecolóxica nas ribeiras dos ríos e da ría de Betanzos, máis concretamente na zona do Carregal-Ribeira-Porto de Betanzos.

Segundo as nacionalistas, desde a aprobación do regulamento 2024/1991 da UE sobre a restauración da natureza, a restauración dos hábitats e evitar a degradación doutras zonas tornouse nunha realidade e nunha prioridade. Neste contexto, os bosques de ribeira e as zonas asolagábeis convertéronse en hábitats prioritarios para a Unión Europea como zonas que cómpre recuperar e protexer.

Neste contexto, hai diferentes figuras que un hábitat pode acadar. A nivel local, pode catalogarse unha zona como espazo natural de interese local (incompatíbel coa Rede Natura 2000) e a nivel galego, pode constituírse como área de restauración ecolóxica, cuxa finalidade principal é a restauración ecolóxica de ecosistemas degradados.

En palabras da voceira do BNG, Amelia Sánchez, “Betanzos posúe unha riqueza inigualábel desde o punto de vista patrimonial, histórico, cultural... mais tamén desde o punto de vista natural e consideramos que sería necesario o impulso do espazo Carregal-Ribeira-Porto como área de restauración ecolóxica. Esta catalogación permitiríanos protexer a zona, facer propostas a nivel estatal ou mesmo europeo para conseguir fondos para a súa recuperación e desenvolver actuacións que eviten o asolagamento destas áreas. Ao mesmo tempo, permitiría facer un mapeo da zona fluvial, analizar as verteduras e demarcar as denominadas “zonas de policía” nas beiras do Mendo e do Mandeo”.

O BNG pide a creación dunha área de restauración ecolóxica na zona do Carregal-Ribeira-Porto de Betanzos