O BNG critica a censura do PP na inauguración do albergue de peregrinos
Alguén do PP terá que explicar por que estivo o edificio baleiro e rematado máis de dous anos.
Betanzos, 13 de maio de 2013. O BNG lamentou que a comitiva de Feijóo tentase expulsar do acto de inauguración do albergue de peregrinos de Betanzos aos edís nacionalistas por levar camisolas de apoio ás persoas estafadas coas participacións preferentes. É un auténtico escándalo que unha protesta simbólica, totalmente pacífica e silenciosa reciba por parte do PP unha resposta desmesurada que pisotea os máis elementais dereitos, censurou o voceiro do BNG, Henrique del Río.
Resulta que hai persoas afectadas pola estafa das preferentes en Betanzos, que María Faraldo lles prometeu nas eleccións amañarlles o problema e as deixou tiradas e non podemos botarlle en cara a Feijóo que o seu goberno as abandonase, indican os nacionalistas. O PP quixo abusar da excusa da seguridade para tentar sacar ao BNG dun edificio amañado cos cartos de todas e todos, reprochan. Os nacionalistas agradecen tamén a solidariedade amosada por PSOE e CxB diante do intento de censura ao que foron sometidos.
Desde o BNG lamentan ademais que a Xunta comunicase ao Concello a visita de Feijóo só cunha hora de antelación, segundo a información que transmitiu o propio alcalde. Por algo será que Feijóo se ten que andar agachando do pobo ao que di representar, ironizou Del Río.
Os nacionalistas celebran que vaia abrir o albergue. É unha noticia que levamos agardando máis de dous anos, desde que remataron os traballos no edificio, indican. Alguén do PP terá que explicar por que estivo o edificio baleiro e rematado máis de dous anos, insisten. Con todo, desde o BNG reiteraron a súa demanda de que se modifique o regulamento dos albergues para que poidan acoller puntualmente a persoas sen fogar que durmen na rúa. O PP dixo no Pleno que o regulamento non se podía modificar, abandonando a xente á súa sorte, recordan.
Agardamos que este investimento sirva para algo e se lle dea un uso, non como outros dispendios que todos coñecemos en Betanzos, como o cine, o estudo da radio ou a famosa biblioteca infantil da que agora o PP fai bandeira, concluíron.
Os nacionalistas anunciaron que, á vista de que o albergue xa conta con persoal, pedirán explicacións no Parlamento de como se produciron estas contratacións xa que non houbo ningún concurso público. Hai 1274 persoas sen emprego en Betanzos e non se sabe como aparecen traballadores no albergue, indican.