O BNG critica que o PP coloque a Faraldo na cabeceira da lista da Coruña para eludir os tribunais
Os nacionalistas considérano un insulto á cidadanía e acusan a Feijóo de impór os intereses do partido aos intereses dos betanceiros e betanceiras.
Betanzos, 17 de setembro de 2012. O BNG de Betanzos advirte de que o PP colocou a María Faraldo en postos de saída na candidatura da provincia da Coruña para eludir os proceso xudicial en que está inmersa. Os nacionalistas advirten de que se trata dunha manobra do PP para evitar que a ex alcaldesa, que obtería a condición de aforada, cumprise unha máis que probábel pena polas supostas irregularidades na contratación de persoas municipal. O BNG considera esta estratexia do PP un insulto á cidadanía e critica que o Sr. Feijóo impoña os intereses do partido aos intereses dos e das habitantes de Betanzos.
Lembra o BNG as conclusións dun informe de Tribunal de Contas que recomenda investigar a xestión de fondos públicos do Goberno dirixido por Faraldo. As irregularidades que se lle imputan neste documento á ex alcaldesa son o recoñecemento de obrigas referidas a gastos realizados sen seguirse os procedementos legalmente estabelecidos, gastos efectuados sen a existencia de orzamentos e sen seguirse os cauces legais, aprobación de facturas por gastos por obras realizadas sen suficiente xustificación, o pago de gratificacións extraordinarias sen acomodarse ao disposto na lei e o pago de subvencións sen suficiente xustificación.
O BNG critica que PP, no canto de depurar as responsabilidades políticas, premie a Faraldo co número nove da listaxe, cando a ex alcaldesa ten moito que explicar e cando foi a máxima responsábel da nefasta situación en que se atopa o Concello de Betanzos. Os nacionalistas concluén criticando a obscenidade do PP ao tratar de colocar a Faraldo, están apostando por unha persoa que na súa etapa á fronte do concello invertiu mais en cada unha das 6 macetas da praza do campo que en bolsas para material escolar e comedor, criticou o portavoz nacionalista Henrique del Río, esta é a austeridade da que fai bandeira o PP?.