O BNG advertiu do perigo que representa o estado dunha beirarrúa na rúa Saavedra Meneses
A entrada e saída de camións dunha obra que se desenvolve na zona ten deteriorado as beirarrúas.
Betanzos, 13 de setembro de 2012. O BNG advertiu do perigo que representa o estado dunha beirarrúa na rúa Saavedra Meneses. Segundo os veciños da zona, a entrada e saída de camións dunha obra que se desenvolve na zona ten deteriorado as beirarrúas ao punto de ter ocasionado xa algunha caída de persoas en cadeira de rodas, asegura a concelleira María Otero.
Segundo a veciñanza afectada, para facilitar o acceso dos camións ao solar, botouse cemento sobre as beirarrúas, de forma que agora quen ten que usar a beirarrúa, é dicir, a xente, teno máis complicado, asegura a concelleira do BNG. Sobre todo se son peóns con dificultades de mobilidade, como xente en cadeira de rodas ou persoas con carros de bebés, apunta.
Por este motivo os nacionalistas reclaman ao goberno local do PSOE que atenda as necesidades dos veciños e veciñas do barrio e defenda os seus intereses, en lugar de permitir á empresa degradar a rúa.
Continúan os problemas de salubridade no barrio
A veciñanza reiterou ao BNG o seu malestar polo estado de insalubridade que presenta ese mesmo solar. As silveiras alcanzan as fiestras das vivendas, o que ademais da ameaza de incendio implica molestias para a veciñanza polos insectos e outros animais que pululan ao seu redor, indican os nacionalistas.