O BNG critica a decisión do PSOE de aprobar os orzamentos de costas ao Pleno
Está visto que ao PSOE para conservar o posto calquera cousa lle vale, venderse á dereita pola cadeira en 2012 e comerse a súa propia coherencia en 2014.
Os nacionalistas reclaman que o orzamento sexa elaborado de xeito participativo, que se faga un esforzo nos fondos para programas que creen emprego, blindar os investimentos na rehabilitación e posta en valor do Casco Histórico e recortar nas festas.
Betanzos, 6 de xuño de 2014. O BNG lamentou a intención do goberno local do PSOE de aprobar os orzamentos na xunta de goberno local. Pretenden sacar adiante as contas de costas á veciñanza, eles sós desde o goberno sen contar coas achegas de ninguén, indicou o portavoz municipal do BNG, Henrique del Río.
As contas deben blindar os investimentos na rehabilitación e posta en valor do Casco Histórico e recortar o estrago de cartos públicos nas festas
Non vai sen tempo que o PSOE a finais de maio anuncie que pretende sacar adiante un novo orzamento, xa que debían estar aprobados antes do principio do ano, indicou. O que non nos parece normal é que antes de sequera tomar contacto cos outros grupos da Corporación xa anuncien que pretenden facer uso dunha lei que o mesmo PSOE ten recorrida nos Tribunais engaden os nacionalistas. Está visto que ao PSOE para conservar o posto calquera cousa lle vale, venderse á dereita pola cadeira en 2012 e comerse a súa propia coherencia en 2014, asegurou Del Río.
Supoñemos que nesta tesitura o goberno do PSOE acollería moi entristecido o anuncio de que o goberno español vai reformar novamente a lei local para sacarlle ás xuntas de goberno locais a potestade de aprobar os orzamentos de costas ao Pleno, ironizou Del Río. Resulta que o PP dáse conta da burrada que cometeu ao sacarlles aos Plenos a decisión sobre as contas pero o PSOE, que recorreu esta reforma da lei local, abusa dela nesta comarca sen rubor engadiu.
O BNG defende que o orzamento sexa elaborado de xeito participativo
Neste sentido, os nacionalistas entenden que agora o PSOE vai ter que negociar de verdade as contas e abandonar a pantomima de negociación que pretendía facer para xustificar que aprobaba os orzamentos na xunta de goberno. Así, desde o BNG advirten ao PSOE que se quere negociar as contas en serio, o primeiro paso é achegar a documentación completa do orzamento.
Non apoiaremos a destrución de emprego público e a privatización dos servizos públicos municipais
Polo demais, os mínimos que marca o BNG para apoiar uns orzamentos son de sobra coñecidos polo PSOE, xa que os ignorou todos en 2012, explica Del Río. Os nacionalistas reclaman que o orzamento sexa elaborado de xeito participativo, recollendo achegas de veciñanza e entidades, que se faga un esforzo nas políticas sociais e nos fondos para programas que creen emprego.
O BNG defende blindar os investimentos na rehabilitación e posta en valor do Casco Histórico e recortar o estrago de cartos públicos nas festas engadiu o voceiro nacionalista. E desde logo non apoiaremos a destrución de emprego público e a privatización dos servizos públicos municipais, abundou.