O BNG critica que o goberno local volva a contratar persoal sen cumprir as leis
As bases de contratación dun psicólogo e dun auxiliar administrativo para servizos sociais incumpren as leis e as bases xerais de contratación do Concello. Del Río: cada vez que o goberno local contrata persoal encontrámonos coas mesmas ilegalidades, a pesar das nosas recorrentes denuncias
Betanzos, 21 abril de 2014. O BNG reclamou ao goberno local a modificación das bases do proceso selectivo para cubrir dúas prazas de forma temporal na área de Servizos Sociais. Celebramos que fagan un concurso público, mais é lamentábel que todos os anos o PSOE faga convocatorias que que non se adaptan á Lei para cubrir estas mesmas prazas, como ven sendo habitual nas contratacións de persoal deste goberno, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas advirten que as bases para a cobertura de dúas prazas temporais de auxiliar administrativo e psicólogo non indican a categoría profesional e nivel do posto que se pretende cubrir nin a titulación requirida para ocupar este posto. Ademais, advirten de que as Bases aprobadas polo goberno do PSOE incumpren a Lei no tocante aos contidos mínimos do exame, pois para un grupo I serían 40 os temas da oposición e para o auxiliar administrativo 20, mentres que o goberno pide 20 e 12 respectivamente.
Cada vez que o goberno local contrata persoal encontrámonos coas mesmas ilegalidades, a pesar das nosas recorrentes denuncias
A Lei establece o galego como un requisito para o acceso á Función Pública, pero o goberno do PSOE sitúao nestas Bases ao mesmo nivel que un curso de mecanografía, explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Non establecen ningún sistema de probas para acreditar o dominio da lingua galega nin se establece que nivel de dominio do idioma é o que se require para cada unha destas prazas, engade.
Ademais, no caso do auxiliar administrativo os nacionalistas aseguran que a Lei di que debe ser un funcionario interino e non persoal laboral temporal.
Desde o BNG recordan que estas irregularidades xa foron postas de manifesto cada vez que o goberno local do PSOE tratou de contratar un auxiliar administrativo para Servizos Sociais á marxe do que establecen as Bases Xerais de Contratación do Concello e a propia lexislación vixente. Por este motivo, os nacionalistas lamentan que o goberno persista de maneira contumaz nestas irregularidades.
O bo de que o goberno do PSOE faga estes dous procesos para contratar persoal inzados de irregularidades é que eles mesmos poñen en evidencia as súas mentiras sobre que resulta imposíbel contratar persoal, ironiza Del Río. Desde o BNG reclaman ao PSOE que deixe de mentir sobre a contratación de persoal aos veciños e veciñas.
Contratan persoal ou non para facer clientelismo e non tendo en conta as necesidades de todos e todas, e aínda temos que escoitar que a culpa é da oposición, criticou Del Río. O concelleiro do BNG recorda que hai máis dun mes que recibiron unha subvención que permite contratar persoal para a Aula CeMIT e a pesar da demanda veciñal, que mesmo chegou a recoller sinaturas, néganse a contratar persoal.