O BNG critica que o goberno local do PSOE privatizara o servizo de cemiterio municipal
O goberno local realizou este contrato a dedo como un contrato menor.
A xestión privada dos servizos públicos é a causa principal da corrupción dentro das administracións e pensamos que é un sistema que propicia o clientelismo en lugar da calidade do servizo para a veciñanza
Betanzos, 2 de maio de 2014. O BNG critica que o goberno local do PSOE privatizara o servizo de cemiterio municipal. O goberno local do PSOE ven de contratar a xestión do cemiterio municipal a unha empresa privada en lugar de cubrir a baixa por enfermidade do traballador que viña realizando estas funcións, explicou o portavoz nacionalista, Henrique del Río.
As funcións de enterrador víñaas realizando un integrante da brigada de obras desde que o goberno do PSOE despediu de forma improcedente a un operario do GRUMIR que desempeñaba estas tarefas de forma irregular", explica o edil nacionalista. "Ao coller este empregado unha baixa o goberno local nin sequera deu conta ao Pleno senón que contratou o servizo directamente a unha empresa privada, indicou o nacionalista.
Como resposta a unha pregunta do BNG no Pleno o goberno local recoñeceu que este servizo fora contratado a unha empresa privada, criticou del Río. Non nos parece que sexa o máis coherente dicir que se defenden os servizos públicos como fai o PSOE e alí onde goberna privatizalos.
Por se fose pouco o goberno local realizou este contrato a dedo, como un contrato menor. Esta claro que a lei permite estes mecanismos e mesmo os fomenta coas restricións á contratación de traballadores públicos e todas as facilidades que pon para os contratos a dedo, mais desde o BNG estamos en contra desta maneira de xestionar os cartos públicos, censurou o portavoz nacionalista. A xestión privada dos servizos públicos é a causa principal da corrupción dentro das administracións e pensamos que é un sistema que propicia o clientelismo en lugar da calidade do servizo para a veciñanza.
No informe de facturas pagadas este mes que nos enviaron acompañando a información do Pleno e das que se deu conta no mesmo, xa aparece a primeira factura pagada a esta empresa privada de mais de 1000 euros, informou Del Río, quen pediu ao PSOE que teña un pouco de coherencia e que faga no concello a defensa dos servizos públicos da que fai gala nos seus programas electorais.