O BNG lamenta q o PP e o PSOE votaran en contra da supresión da ORA
A xente merece unha explicación pública por parte do goberno sobre todo isto.
O goberno local terá que explicar por que a veciñanza segue pagando por estacionar na rúa se o Concello non percibe un só euro de canto a empresa recada.
Betanzos, 30 de abril de 2014. O BNG lamentou que PSOE e PP votasen en contra da súa moción para poñer fin á escandalosa situación da ORA, a zona azul de estacionamento de pago. Os nacionalistas tiveron que presentar de urxencia a moción no Pleno despois de que o goberno local do PSOE, por segundo mes consecutivo, impedise que a moción se debatese e votase no Pleno tras deixala sobre a mesa xa en febreiro. Que o goberno decida retirar puntos do Pleno parécenos normal se son as súas propostas, pero non vai ser o PSOE quen decida que trae ao Pleno o BNG, advertiu o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
É lóxico que o goberno local non queira debater e traer este asunto ao Pleno, asegurou o voceiro do BNG. O problema xa non é que o expediente que non existira cando trouxemos o asunto en febreiro, porque todos os papeis que figuran nel teñen data posterior ao Pleno, indicou Del Río. O maior problema é que queren tomar por parva á xente pretendendo facer crer que unha empresa que rematou un contrato o prorroga a pesar de que di que perde 20 000 euros ao ano cuestionou.
Non entendemos que o goberno do PSOE manteña esta situación, que a veciñanza siga pagando cada vez que aparca na zona azul e non vai nada para o Concello lamentou. Por este motivo, a moción do BNG demandaba ao executivo local adoptar inmediatamente as medidas necesarias para impedir que a concesionaria siga cobrando sen contrato en concepto de ORA.
Os nacionalistas lamentaron que PSOE e PP defendesen o sistema da ORA e se negasen sequera a estudar unha alternativa gratuíta de rotación no estacionamento. Deixen de defender á empresa e por unha vez defendan á veciñanza, concluíu Del Río. Os nacionalistas insisten en que a supresión da ORA sería unha medida beneficiosa para o pequeno comercio xa que mentres que as grandes superficies dan estacionamento gratuíto, para vir mercar a Betanzos hai que pagar por aparcar.
O goberno local terá que explicar por que a veciñanza segue pagando por estacionar na rúa se o Concello non percibe un só euro de canto a empresa recada
Os nacionalistas demandaban, ademais, que o goberno do PSOE abra inmediatamente unha investigación sobre as responsabilidades que levaron a manter esta empresa cobrando á veciñanza sen contrato e que permitiron que o Concello non percibise os cartos estipulados no contrato. O resultado desta investigación, segundo a moción do BNG, debería ser comunicado vindeiro Pleno ordinario que celebre a Corporación e, de ser o caso, abrir o expediente de responsabilidades que proceda para salvagardar os intereses da veciñanza de Betanzos.
Sen embargo, o alcalde xa pechou a porta a tal posibilidade ao anunciar que admitirían este acordo pero para dar conta dos resultados desa investigación nunha comisión a porta pechada. A xente merece unha explicación pública por parte do goberno sobre todo isto, advertiu Del Río para exixir que o goberno explicase publicamente o asunto. Van dous meses desde que trouxemos este asunto e non fixeron nada para solucionar esta situación, e evitan que se debata e se vote con excusas, lamentou o edil do BNG.
A campaña informativa chega a todas as casas de Betanzos
O BNG continúa coa súa campaña social sobre a ORA co envío dun boletín informativo a todas as vivendas de Betanzos. Nel, ademais dun resumo da situación, os nacionalistas achegan unha breve cronoloxía e mais dan conta da denuncia cursada ante o Valedor do Pobo contra o goberno local do PSOE por ter ocultado por mes e medio o expediente da ORA.