O BNG pide que o goberno do PP anule as sancións a ex-emigrantes que perciben pensións estranxeiras
Cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas.
Betanzos, 26 de agosto de 2013. O BNG pedirá no Pleno que o Concello estableza, xunto coa Xunta, mecanismos para o apoio e asesoramento aos pensionistas que perciben pensións do estranxeiro e que están recibndo reclamacións da Axencia Tributaria. Xa son varias as persoas que nos teñen trasladado a súa preocupación ao ter recibido estas notificacións de Facenda, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas indican que, logo de ter traballado na emigración, son numerosos os betanceiros e betanceiras que perciben pensións de outros estados. Nos últimos meses este colectivo comezou a recibir requirimentos da Axencia Tributaria para que declaren as cantidades percibidas durante o ano 2008 en concepto de pensións no estranxeiro, coa finalidade de proceder á regularización ou no seu caso formulación da declaración sobre o imposto das persoas físicas correspondente ao exercicio de 2008, indican na súa iniciativa os edís Henrique del Río e María Otero. O mesmo requerimento está a ser reclamado para os seguintes anos, o que ten provocado preocupación nos emigrantes retornados, como varios deles xa trasladaron ao BNG.
Estas persoas nunca recibiron ningún tipo de información en relación coa súa obriga de declararen as contías das pensións percibidas no estranxeiro, indican os nacionalistas, que denuncian que existía un total descoñecemento da obriga de facer esa declaración anual do IRPF, o que confirma a falta de intencionalidade ou de defraudar por parte destas persoas. Ademais, aseguran desde o BNG, os estados pagadores nunca lles expediren ningunha certificación en relación coas cantidades percibidas.
Resulta sorprendente que, cinco anos máis tarde, reciban este tipo de requirimentos por parte da Axencia Tributaria, coa advertencia dunha posíbel sanción por non teren cumprido con obrigas tributarias que descoñecían, explican desde o BNG. Cando os evasores fiscais se benefician de amnistías, constitúe unha auténtica inmoralidade a simple ameaza dunha sanción a estas persoas, traballadores e traballadoras emigrantes retornadas, aseguran.
A única saída a esta situación é que o Goberno do Estado anule todos os expedientes sancionadores e que se inicie unha campaña para informar adecuadamente as persoas pensionistas afectadas das súas obrigas tributarias futuras, obviando os exercicios do período 2008-2012, aseguran os nacionalistas, que xa presentaron unha iniciativa neste sentido no Congreso dos Deputados. Esta medida é a única razoábel e xusta tendo en conta a inexistencia de información e a ausencia de responsabilidade e por tanto de vontade de fraude por parte destas persoas, aseguran.
Neste sentido, o BNG solicitará do Pleno do Concello unha declaración de apoio á veciñanza afectada pola reclamación da Axencia Tributaria. Ademais, pedirán que o Concello reclame ao goberno español que dea marcha atrás na tramitación das sancións que pretende impoñer a estas persoas.