O BNG celebrará mañá un encontro para recoller propostas sobre transparencia e participación
A xuntanza terá lugar desde as oito e media do serán no local comarcal do BNG, na Travesía da Torre. A transparencia é unha materia pendente do goberno municipal de Betanzos a pesar das proclamas que lanzou o PSOE no seu día
Betanzos, 18 de febreiro de 2015. BNG-Asembleas Abertas celebrará mañá un encontro para recoller propostas da veciñanza e colectivos sociais para engadilas ao programa sobre transparencia e participación veciñal. A xuntanza terá lugar desde as oito e media do serán no local comarcal do BNG, na Travesía da Torre.
Non se pode seguir gobernando de costas á veciñanza como fixo o PSOE este mandato que remata, explicou o candidato nacionalista á Alcaldía de Betanzos, Henrique del Río. A participación da veciñanza nos asuntos públicos ten que ser un obxectivo fundamental para calquera institución, mais a xente non poderá participar se antes non hai información engaden. Neste sentido, desde o BNG advirten que é preciso que o goberno local deixe de poñer atrancos no acceso á información municipal.
No Concello de Betanzos hai un déficit de transparencia abrumador, engadiu o candidato de BNG-Asembleas Abertas. Cousas tan simples como a estrutura do goberno, as actas do Pleno e a Xunta de Goberno ou o propio orzamento e as súas modificacións son imposíbeis de consultar para a veciñanza, relata.
A transparencia é unha materia pendente do goberno municipal de Betanzos a pesar das proclamas que lanzou o PSOE no seu día, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río. Transparencia é que a veciñanza teña información de primeira man sobre o Concello, que é moi diferente á propaganda, advirte. Malamente vai poder opinar a xente sobre o que acontece no Concello se o goberno controla, manipula e administra os datos en función da súa comenencia electoral, explica.