O BNG-Asembles Abertas leva a Pleno as propostas das praceiras para mellorar o mercado de abastos

O BNG-Asembles Abertas leva a Pleno as propostas das praceiras para mellorar o mercado de abastos

Henrique del Río é o voceiro do BNG-Asembleas Abertas

”A compra de produtos locais, a súa etiquetaxe en galego e a recuperación dos mercados municipais é un xeito de xerar emprego estábel e de calidade”

Betanzos, 19 de febreiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas propoñerá no Pleno varias medidas para mellorar as prestacións da praza de abastos municipal. “Estamos convencidos de que o pequeno comercio local pode xerar emprego en Galiza, mais é de todo imprescindíbel que os gobernos locais poñan maior vontade política e máis recursos para desenvolver un modelo comercial propio”, explican as nacionalistas.

Neste sentido, xunto coa promoción comercial do Casco Histórico, as nacionalistas consideran fundamental un apoio máis decidido do Concello ao comercio retallista presente na praza municipal de abastos. Por este motivo, tras manter unha xuntanza de traballo coas praceiras, o BNG-Asembleas Abertas propón, entre outras moitas medidas, un campaña de promoción da praza de abastos, mediante a instalación de cartelería nas proximidades, tanto nas principais zonas de estacionamento como nos puntos de maior afluencia de xente da cidade.

Todas as nosas propostas para a Pescadería son perfectamente viábeis e moi doadas de levar adiante

Ademais, as nacionalistas propoñen mellorar a rotulación interior e exterior da Pescadería para identificar toda a súa oferta e ofrecer bolsas rotuladas de papel para identificar e publicitar a praza de abastos.”Incentivar a compra de produtos locais, promocionar a súa etiquetaxe en lingua galega e recuperar os mercados municipais é un xeito de xerar emprego estábel e de calidade” explican.

Neste sentido, tamén propoñen mellorar a accesibilidade da praza de abastos cun pasamáns na entrada principal e levar adiante outras reparacións rotineiras que faltan, como reparar os desperfectos existentes na praza: a porta dos aseos, o tapado dos colectores do lixo, as deficiencias nas escaleiras de acceso desde a rúa da Pescadería,... E a fin de mellorar as prestacións do mercado municipal, o BNG-Asembleas Abertas traslada a demanda das praceiras de instalar unha máquina de xeo, que facilitaría o funcionamento do mercado e melloraría a súa oferta.

Feiras e mercados sectoriais na praza contigua para complementar a oferta

Para complementar a praza de abastos, as nacionalistas insistirán na súa proposta de celebrar mercados de produtos de tempada da comarca, de agricultura ecolóxica ou de produtos de segunda man na praza de Fernán Pérez de Andrade nas fins de semana, cando o tempo o permita. “De feito, xa o propuxemos na anterior lexislatura e o goberno local, como sempre, nada fixo por sacar adiante un acordo que apoiou”, engade Del Río.

Neste sentido, tamén demandarán que parte das feiras quincenais se leven á praza de Fernán Pérez de Andrade para complementar a oferta da praza de abastos. “Cremos que o retorno dos postos de chacinaría ou a inclusión doutro tipos de produtos ausentes no mercado potencia a Pescadería e o conxunto do Casco Histórico”, explica o edil nacionalista.

“Todas estas propostas foron recollidas das praceiras e coincidimos con elas en que son perfectamente viábeis e moi doadas de levar adiante, cun coste relativamente modesto”, explica Del Río.

 

O BNG-Asembles Abertas leva a Pleno as propostas das praceiras para mellorar o mercado de abastos