Desde o seu xerme, o BNG sempre estivo do lado da causa palestina, reclamando unha Palestina libre e soberana, sen ocupación, e desde hai dous anos, sen xenocidio. Non podemos entender o que está a ocorrer agora en Gaza sen falar dos 77 anos de ocupación que desmembraron a Palestina histórica, negando a súa soberanía, roubando as súas terras, arrasando a súa cultura e impoñendo muros, checkpoints e miles de detencións arbitrarias de adultas e crianzas.
O xenocidio é unha fase máis, a máis cruel e salvaxe, dun réxime colonial que avanza paso a paso desde hai case 8 décadas. E o sionismo é a ideoloxía que lle dá suporte e que hai que combater.
Hoxe, o mundo está a ser testemuña dun grao inconcibíbel de morte e destrución na Franxa de Gaza ocupada. E desde o comezo desta limpeza étnica e xenocidio planificado, desde Galiza escoitase un berro solidario que non calou nestes longos 24 meses porque Israel non se detivo e porque os gobernos occidentais, os que durante décadas se nos presentaban como garantes da democracia e da liberdade, como protectores dos dereitos humanos, non toman medidas reais para deter o xenocidio palestino en Gaza.
Neste contexto, a presión e mobilización social é xa a única vía para lograr un cambio real fronte a dramática situación que estamos a vivir, diante a pasividade dos gobernos occidentais.
A solidariedade galega, como moitas outras internacionalistas no resto do mundo, non ficou indiferente nin en silencio, cunha mobilización continua durante estes dous últimos anos. A última, a vivida o pasado 5 de outubro en Compostela onde máis de 80.000 persoas encheron a cidade de dignidade.
Betanzos, vila aberta e diversa, cabeceira comarcal das Mariñas, tamén debe dar un paso á fronte e solidaridazarse co pobo irmán palestino. Por iso, desde o BNG felicitamos a creación da Plataforma Comarca de Betanzos con Palestina. Sentímonos orgullosas de que se dea un paso máis na organización popular e animamos a toda a veciñanza a participar dela. Porque os dereitos non se conquistan só nos parlamentos: conquístanse nas rúas, coa forza da veciñanza.
Por unha Palestina libre e soberana, en paz, sen xenocidio e sen ocupación!
Betanzos e Galiza con Palestina!
Palestina Vencerá!