O BNG-Asembleas Abertas demanda participación veciñal para a redación do orzamento
Betanzos precisa un orzamento, é evidente, mais non calquera orzamento senon un que propoña solucións aos problemas dos nosos veciños e veciñas
Betanzos, 28 de xaneiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas fixo hoxe pública a súa primeira valoración sobre o proceso de aprobación dos orzamentos municipais. Enterámonos polos medios de comunicación de que en teoría tiñamos unha proposta de orzamentos da que non tiñamos noticia e tivemos que pedirlla ao goberno local para que nos deran unha proposta só dalgunhas partidas do orzamento de gasto, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Se este é o interese que ten o PSOE en falar cos representantes da veciñanza a verdade é que os acordos prevense complicados, mais non deixaremos de intentalo polo ben da veciñanza, engadiu Del Río, quen reclamou moita máis participación e transparencia na elaboración do documento que vai marcar toda a política municipal, cando menos, do vindeiro ano.
Neste sentido as nacionalistas demandan ao goberno local que redacte os orzamentos de xeito participativo, na liña do que xa demandaron durante a elaboración das dúas últimas contas aprobadas en Betanzos. O orzamento participativo supón maior transparencia do gasto público porque a veciñanza saberá en que se vai gastar e avaliará se se fixo ou non explican, é o lóxico, xa que estamos falando de cartos de todas, que todas poidamos decidir como gastalos.
O método escollido polo goberno do PSOE non nos parece acaído, xa que pensamos que esta dando as costas aos veciños e veciñas para antepoñer as súas comenencias, explican as nacionalistas. Neste sentido, insisten, o goberno local debe dar voz a toda a veciñanza e a todas as entidades para fixar as prioridades deste ano con luz e taquígrafos, sen xogar a tratos opacos de palacio.
Xa é mal comezo empezar a falar dos orzamentos rematando xaneiro, cando tiñan que terse aprobado en outubro, lamentou. Neste sentido, as nacionalistas recordan que desde 2014 Betanzos está sen orzamento. Betanzos precisa un orzamento, é evidente, mais non calquera orzamento senon un que propoña solucións aos problemas dos nosos veciños e veciñas, engadiu Del Río.
Polo de agora non podemos facer unha valoración do documento porque aínda o estamos estudando, que nolo deron esta mesma mañá, pero insistimos en que o método utilizado para a súa elaboración nos non parece o correcto e pensamos que o goberno local aínda está a tempo de rectificar e facer as cousas ben. Confiamos niso, concluíron.