O BNG-Asembleas abertas repartiu buzóns para recoller propostas para o seu programa electoral
Repartimos estes buzóns para que as persoas que queiran facernos chegar as súas propostas, críticas ou suxestións poidan facelo, ademais tamén creamos un apartado específico na nosa web para recoller propostas en formato dixital
O BNG-Asembleas abertas está rematando o seu programa que elaborou de xeito participativo e presentarao publicamente o vindeiro xoves 30 de abril ás 12:00 no seu local.
Betanzos, 28 de abril de 2015. O BNG-Asembleas Abertas repartiu buzóns nos diferentes locais sociais dos barrios e parroquias e nalgúns locais de hostalería para que a veciñanza poida achegar as súas propostas e incorporalas ao seu programa electoral.
Pasaremos a recoller os buzóns coas propostas dos veciños e veciñas a finais desta semana e incorporarémolos ao noso programa con propostas concretas para cada barrio e parroquia do Concello, explicou o candidato do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. Pensamos que ninguén sabe mellor cales son as necesidades dos barrios que a propia veciñanza do barrio e queremos escoitar todo o que nos queiran trasladar, engadiu.
A participación é un dos piares fundamentais do programa do BNG-Asembleas abertas e queremos comezar a aplicala por nós mesmos, engadiu o candidato nacionalista. Repartimos estes buzóns para que as persoas que queiran facernos chegar as súas propostas, críticas ou suxestións poidan facelo, ademais tamén creamos un apartado específico na nosa web para recoller propostas en formato dixital.
O BNG-Asembleas abertas está rematando o seu programa que elaborou de xeito participativo, con encontros sectoriais e recollendo propostas de todas as persoas e colectivos que quixeron trasladarllas.
Presentación do programa electoral
O BNG-Asembleas abertas presentará o seu programa electoral nun encontro cos medios de comunicación aberto á veciñanza que os queira acompañar no seu local en Betanzos (Travesía da Torre, 2, 1º) o vindeiro xoves día 30 ás 12 da mañá.