O BNG-Asembleas Abertas propoñerá que o Concello contrate a luz cunha cooperativa ecolóxica
O cambio a unha cooperativa de enerxía xenerada a partir de renovábeis e de xeito sostíbel permite, ademais, reinvestir beneficios no país e dispoñer de bonos sociais destinados ás persoas en situación de pobreza enerxética.
Betanzos, 25 de xaneiro de 2016. O BNG-Asembleas Abertas propoñerá no vindeiro Pleno que o Concello comece a mercar electricidade a cooperativas enerxéticas que distribúen a partir de fontes renovábeis e vaia progresivamente abandonando o contrato que actualmente ten cunha gran empresa eléctrica.
As nacionalistas recordan que a raíz dunha moción presentada polo BNG en 2014 o goberno local desvelou que a empresa que vende a luz ao Concello facturara 70 000 euros de forma indebida. Naquel ano a factura eléctrica do Concello- que comprende o subministro para funcionamento dos servizos e alumeado de rúas, edificios e festas- era de case 600 000 euros, segundo o propio goberno local. Non só non se pode dar por bo este comportamento da empresa, senón que hai que actuar en consecuencia porque eses cartos son da veciñanza e teñen que servir para mellorar os servizos que recibe, indica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Desde o BNG-Asembleas Abertas afirman que a enerxía ten que verse como servizo universal e non o actual modelo eléctrico que está estruturado como un oligopolio. Neste sentido, propoñen que o Concello opte por contratar o subministro eléctrico con cooperativas que xeneran enerxía de xeito limpo e sostíbel, facendo un uso ético e social da enerxía. Unha boa parte dos beneficios obtidos por estas distribuidoras de base cooperativa dedícanse a bonos sociais destinados ás persoas en situación de pobreza enerxética, sinalan.
Explican, ademais, que este cambio é perfectamente legal e realizábel, e indican a modo de exemplo que o goberno do BNG en Rianxo ven de comezar a explorar esta vía, contratando de forma progresiva o subministro dos distintos servizos e dependencias municipais.
Por este motivo, e como un primeiro paso, propoñen que se estude a fondo a posibilidade de cambiar os subministradores enerxéticos para que o Concello poida contratar a electricidade a través dunha das cooperativas electrica co fin de ir abandoando as grandes empresas.
Un modelo respectuoso co medio
Desde o BNG-Asembleas Abertas resaltan, ademais, que este modelo alternativo que propoñen é respectuoso co medio. Debatimos no Pleno moitas veces as consecuencias de ter o Mandeo inzado de minicentrais, recorda Del Río. Son as grandes eléctricas as que teñen así os nosos ríos, cobrando de máis e cobrándonos por transportar a enerxía que se produce en Galiza a outros países do Estado español mentres aquí, que producimos máis enerxía da que consumimos, pagámola máis cara e temos peor servizo, conclúe.