O BNG-Asembleas Abertas propón iniciar os trámites para a remunicipalización do ciclo da auga
As nacionalistas advertiron, ademais, de que Viaqua pretende desfacerse da outra concesión que ten no Concello de Betanzos e para cederlla a outra empresa privada.
Betanzos, 24 de setembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propoñerá ao Pleno iniciar os trámites para a remunicipalización dos servizos de auga e saneamento. As nacionalistas pedirán no Pleno que os servizos municipais analicen ocoste da rescisión do contrato coa concesionaria da auga e o saneamento, analizándose tamén a pertinencia dunha xestión directa do servizo por parte do Concello. As nacionalistas defenderán esta proposta despois de ter recollido numerosísimas queixas da veciñanza sobre calidade da auga o saneamento e as continuas subidas das taxas.
O voceiro nacionalista explica que desde 1971 a empresa Aquagest explota a traída, e o saneamento desde 1992. Ambos contratos foron prorrogados polo PSOE até 2020. En 1992 o goberno do PSOE, a cambio dunhas obras na rede que ían ter un custo de 10 millóns de pesetas (pero que segundo datos do actual goberno quedaron en 5 e medio), permítelles explotala sen pagar nada de canon.
En 2014 presentamos unha moción similar a esta, demandando un estudo para a recuperación da xestión municipal dos servizos de saneamento e subministro de auga potábel. Porén, daquela o PSOE respondeu mediante un escueto informe do asesor xurídico, apenas un folio, redactado sen sequera mirar o prego das concesións recorda o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Os nacionalistas recolleron centos de queixas da nosa veciñanza por un servizo dunha calidade cuestionábel e relatan, entre outras queixas veciñais, as fugas na rede de saneamento e traída en varios puntos do concello. Cuestionan, ademais, que con cartos do Concello se teñan que amañar os estragos nas redes de saneamento, só para que a empresa continúe facendo negocio.
A auga é necesaria para a vida, polo tanto un servizo básico ao que todas as persoas temos dereito, explica Del Río. Tan imprescindíbel é un correcto tratamento dos residuos, como un saneamento que permita manter o noso ecosistema e deixar un país, un mundo habitábel para os nosos fillos e fillas abunda. E por todo isto que é imprescindíbel, non se pode consentir que un servizo básico como a da auga se convirta nun negocio para que se lucren uns poucos, como está a acontecer, denuncia.
A realidade é que o que debera ser o máis básico dos servizos convértese nunha vía de especulación, o que en moitos casos conleva clientelismos e corruptelas, como vemos nos medios día tras día, advirten desde o BNG-Asembleas Abertas, desde onde reclaman ao executivo que o propio Concello estude como pode prestar os servizos da traída e o saneamento. E mentres eses estudos non chegan, o Concello debe estar enriba da concesionaria, para que o servizo que pagamos teña uns mínimos de calidade e se acaben as queixas da veciñanza, conclúen.
Viaqua quere ceder o contrato das piscinas e o pavillón a outra empresa
As nacionalistas advertiron, ademais, de que Viaqua (anteriormente coñecida como Aquagest) pretende desfacerse da outra concesión que ten no Concello de Betanzos e para cederlla a outra empresa privada. O PSOE está preparando o camiño para a cesión da explotación do pavillón e piscinas municipais a outra empresa, indican desde o BNG-Asembleas Abertas.
Se a empresa conclúe que o contrato non lle rende, que renuncie a el, mais non é de recibo que busque outra firma que se faga cargo del até que expire, indica Del Río. O Concello debería aproveitar esta situación para recuperar e explotar directamente o pavillón e as piscinas municipais, conclúe.