O BNG-Asembleas Abertas pide que se reparen as deficiencias da Oficina de Turismo
O goberno debería informar se os traballos supoñerán o peche desta oficina e, de ser o caso, onde se atenderá ás persoas que visiten Betanzos mentres.
As nacionalistas tamén pediron delimitar un área de autocaravanas para aumentar a oferta dispoñíbel e atraer turismo a Betanzos
Betanzos, 8 de outubro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas pediu no Pleno que se reparen as dependencias da oficina municipal de Turismo. Segundo indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río, a CIG, presentou semanas atrás unha denuncia ante a Inspección de traballo que se traduciu nunha orde para reparar, en 15 días, até 13 infraccións da normativa de riscos laborais.
O edil nacionalista lembrou que foron traballadoras municipais quen denunciaron que este lugar non cumpría cunha mínimas condicións de seguridade e urxiu ao executivo local a subsanar todos os defectos reseñados no informe da Inspección de Traballo.
Damos por suposto que o goberno do PSOE acatará o informe de Inspección e que serán subsanados todos os defectos constatados no informe, ironizou o voceiro do BNG-Asembleas Abertas, que pediu ao goberno local que informe dos prazos previstos para as distintas actuacións de reparación.
Ademais, solicitou que se informe se estes traballos impedisen a apertura ao público da oficina, durante cantos días sería e onde se atendería a quen visite Betanzos e necesite asesoramento turístico no que duran estes traballos.
Solicita que se delimite xa a área para autocaravanas acordada no Pleno
O Bloque pediu, ademais, que o goberno local aposte por formas de turismo alternativas ás habituais, como por exemplo o turismo de autocaravanas. Este tipo de turismo representa un modelo diferente, alternativo, menos explotado na nosa contorna e por tanto cheo de potencialidades para a comarca das Mariñas e nomeadamente para as súa capital, Betanzos relatou Del Río.
Por este motivo, desde o BNG-Asmebleas Abertas demandaron ao goberno local que indique cal é a ubicación elixida para ubicar a área de autocaravanas que o Pleno decidiu crear para explotar esta modalidade de turismo alternativa. É unha forma de aumentar a oferta dispoñíbel e de atraer o turismo a Betanzos, indoca Del Río, só resta por saber se está disposto o goberno local a converter Betanzos nun referente do turismo de autocaravanas.