Valoramos os cen días de goberno do PSOE: "foron cen oportunidades perdidas para cambialo todo"
"O goberno local non ten intención ningunha de cambiar nin as formas nin o fondo, non demostra vontade de chegar a ningún acordo nin parece querer cumprir nada do ofrecido polo alcalde no discurso de investidura"
Betanzos, 8 de outubro de 2015. O xornal Betanzos e a súa comarca pediunos un artigo de opinión valorando os cen primeiros días do PSOE no goberno local desde as eleccións do pasado mes de maio. A continuación ofrecemos íntegro ese artigo, da autoría colectiva da militancia do BNG e mais as persoas que participan nas Asembleas Abertas. Boa lectura.
Convidamos ao PSOE a gobernar para todas, defendendo o público, o noso patrimonio e o noso medio. Para iso terá todo o noso apoio
Os primeiros cen días de goberno do PSOE non trouxeron apenas cambios. O PSOE continúa a oferecer a súa peor versión, e lembra incluso os catro anos do goberno do PP. Estes primeiros cen días foron, por desgraza, cen oportunidades perdidas para cambialo todo en Betanzos.
A pesar das promesas, o novo goberno non consigue ilusionar a ninguén. As veciñas temos a sensación de que todo sigue igual en Betanzos, que nada cambia, que nunca nada cambiou de verdade, que tanto dá Pedro que Xan, PP ou PSOE. O Casco Histórico segue como sempre, a caer. E non están mellor os outros barrios. Betanzos segue igual de descoidado, igual de sucio, igual de abandonado. Tanto como nos catro anteriores.
E o peor é que case nin sorprende: un novo mandato e moi pouco de novo, máis privatizacións -esta vez o servizo de limpeza-, máis clientelismo e contratos a dedo para os amigos, máis escurantismo, e nin un só proxecto nin idea nova. O PSOE goberna para seguir gobernando, para ocupar o poder e o de menos somos nós, as veciñas. Igual que o PP nos concellos da comarca.
Entristécenos a falta de ilusión, o desinterese e este teatro co PP, a discutiren quen o fai ou quen o fixo peor. Gobernar como quen cambia cromos. Iso sí, algún cambio si que observamos: a Xunta de Goberno Local modificouse para que outro concelleiro poida vivir dos cartos de todas. O goberno local non ten intención ningunha de cambiar nin as formas nin o fondo, non demostra vontade de chegar a ningún acordo nin parece querer cumprir nada do ofrecido polo alcalde no discurso de investidura. Mágoa.
Con todo, o BNG - AA non daría estes días por perdidos se fosen un punto de inflexión e a partir de mañá vísemos, por fin, cambios no noso Concello. Convidamos pois ao PSOE a unirse ás que defendemos o público. Convidámolo a que estea coas que defendemos o noso patrimonio e o noso medio. Convidámolo, en fin, a gobernar de vez para todas. Para iso terá todo o noso apoio.