O BNG-Asembleas Abertas pedirá a cesión do treito urbano da N-VI
Non ten sentido que o Estado ceda este tramo da N-VI e non o tramo urbano da N-651, que travesa dous barrios e é realmente unha vía netamente urbana limitada a 30 km por hora. O goberno español mantena como rede viaria estatal como trampa para non asumir como única alternativa ao tráfico pesado a AP-9 e non ter que liberar a peaxe.
Betanzos, 16 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas lamentou que o Ministerio de Fomento se negue a adoptar medidas adicionais de seguridade viaria na N-651 e N-VI ao seu paso pola Madalena e A Angustia. Todo o que admite o goberno español é estudar novas medidas de baixo custo para mellorar a seguridade viaria, é dicir, que non van gastar nada en mellorar a seguridade viaria nesta vía, lamenta o voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río.
A N-VI ao paso pola Angustia non cumpre os resuitos normativos dunha travesía, responde Fomento ás deputadas do BNG no Congreso dos Deputados. Por este motivo, o goberno español do PP négase a colocar na Angustia o paso de cebra que a veciñanza demanda. Segundo uns señores de Madrid que nunca na vida viron a Angustia, é perigoso poñer un paso de cebra, e é moito mellor a situación actual e que a xente cruce onde lle cadre e sen seguridade, ironiza Del Río.
Do mesmo xeito, desde o BNG-Asembleas Abertas lamentan que o goberno español se negue a regular de algún xeito o cruce da Madalena- a veciñanza propuña semáforos- porque hai poucos peóns e pasos de cebra cerca. Non ten sentido ningún tratar como unha estrada fóra dunha poboación o que leva anos sendo unha rúa máis de Betanzos, lamenta Del Río.
Segundo uns señores de Madrid que nunca na vida viron a Angustia, é perigoso poñer un paso de cebra, e é moito mellor a situación actual e que a xente cruce onde lle cadre e sen seguridade
Esta estrada corta en dous tanto o barrio da Madalena como o núcleo da Angustia, polo que o goberno español terá que garantir a seguridade viaria no seu entorno, engaden desde o BNG-Asembleas Abertas. Ou é que para o PP esta veciñanza é de segunda categoría?, ironiza. E outro tanto se pode dicir coa N-651 que cruza tamén os barrios da Ribeira e a Ponte Vella, xa que Fomento se nega a cedela ao Concello o mínimo é que garanta a súa conservación para evitar molestias á veciñanza, e desde logo mellorar a seguridade viaria como demandan as veciñas, insiste.
Cesión da N-VI no treito urbano
O Ministerio de Fomento abre a porta a ceder ao Concello de Betanzos, de xeito gratuíto, o trazado da antiga N-VI desde Queirís até o remate da rúa do Valdoncel ao pé da Ponte Nova. Se o Concello asume esta vía acabarase o cruce de reproches permanente entre gobernos do PSOE e do PP para ter sen amañar e sen limpar unha das principais vías da cidade, explica Del Río. Por este motivo, anticipa, o BNG-Asembleas Abertas levará ao Pleno a solicitude de cesión deste vial.
Non ten sentido que o Estado ceda este tramo da N-VI e non o tramo urbano da N-651, que travesa dous barrios e é realmente unha vía netamente urbana limitada a 30 km por hora insisten as nacionalistas. O goberno español mantena como rede viaria estatal como trampa para non asumir como única alternativa ao tráfico pesado a AP-9 e non ter que liberar a peaxe, conclúe.