O BNG-Asembleas Abertas organiza unha charla coloquio en Biblos arredor do feminicidio
Será mañá xoves desde as sete da tarde, coa participación de Carme Adán.
As nacionalistas non acuden ao acto organizado esta mañá polo goberno local: non podemos participar da farsa hipócrita de quen ten a obriga de defender os dereitos das mulleres e non o fai
Betanzos, 25 de novembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas celebrará mañá as 19:00 h. na libraría Biblos, en Betanzos, co título Feminicidio: visibilizar, denunciar, erradicar. O acto contará coa presenza de Carme Adán, deputada do BNG no Parlamento galego e candidata de Nós-Candidatura Galega ao Congreso por Pontevedra.
As leis contra a violencia de xénero, tanto a estatal como galega, iniciaron pasos moi importantes cun marcado carácter penal e xudicial, polo que unha muller vítima de violencia machista é obrigada a acreditar a súa situación a través dunha denuncia para acceder a orde de protección. Desde o BNG-Asembleas Abertas consideramos que este extremo debe ser modificado introducindo unha figura que mellore a lei co termo feminicidio mostrando que a violencia machista é unha cuestión política e social porque a violencia contra as mulleres é un terror específico polo que propoñemos o Estatuto da vítima de Feminicidio.
Este termo evidencia a dimensión política que presenta o asasinato e morte de mulleres como un dos ataques máis graves contra os dereitos humanos a súa integridade moral e liberdade e, por outra, unha dimensión social que sinala aos factores de discriminación social que conflúen nas mulleres converténdoas en especialmente vulnerábeis aos ataques contra a vida.
Este estatuto de vítima de feminicidio terá que garantir un acompañamento efectivo ás e incidir na dimensión social do problema e nos mecanismos que a nivel psicolóxico, económico e social poden acompañar á unha muller que sofre violencia machista. Con este obxectivo consideramos necesario incluír un título propio na lei de prevención contra a violencia machista no que se defina as formas para acreditar a situación de violencia sen ter que agardar por unha orde do Ministerio Fiscal.
O BNG-AA non participa no acto hipócrita convocado este mediodía polo goberno local
A violencia machista combátese con plans e programas, destinando recursos a atallar todas as manifestacións do machismo; non se combate con xogos florais o 25 de novembro, aseguran desde o BNG-Asembleas Abertas. Por este motivo, indican, decidimos non avalar coa nosa presenza o exercicio de cinismo do PSOE e o PP, que esta mañá fixeron unha pantomima teatral contra a violencia de xénero porque é o día de facelo e queda politicamente correcto, cando o resto do ano as súas políticas van no sentido contrario.
Non podemos participar da farsa hipócrita de quen ten a obriga de defender os dereitos das mulleres e non o fai
O BNG-Asembleas Abertas non pode participar da farsa hipócrita de quen ten a obriga de defender os dereitos das mulleres e non o fai, advirten as nacionalistas. Ao goberno local do PSOE éncheselle a boca falando de igualdade tal día como hoxe, pero despois non a practica nin dentro do propio Concello, denuncia o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Nin se dispuxeron fondos para o plan de igualdade, nin se retirou o financiamento do Concello a actos sexistas como a raíña das festas ou as carrozas con mulleres prácticamente espidas do entroido, repasa a modo de exemplo. E iso que o PSOE di que está en contra da obxectualización das mulleres, lamenta.