O BNG-AA propón abrir espazos gratuítos de coworking para rebaixar o desemprego xuvenil
No mes de outubro en Betanzos había, segundo o IGE, 241 mozas e mozos, entre 16 e 34 anos, rexistrados como desempregados, con case o 25% das persoas desempregadas.
Betanzos, 23 de novembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas propoñerá no Pleno a creación dun espazo gratuíto de coworking para a mocidade. Neste espazo, explican as nacionalistas, convivirían diversas culturas profesionais e deste convivio produciríanse sinerxias que permitan lanzar novas oportunidades de negocio para xente nova.
Para dar respaldo a esta iniciativa, desde o BNG-Asembleas Abertas defenden poñer en marcha un servizo de seguimento da mocidade desempregada, coa finalidade de garantir e procurar a súa introdución no emprego. Neste sentido, as nacionalistas defenden a creación dunha rede municipal de empregabilidade- que tamén se podería mancomunar cos concellos da comarca- para coordinar estas tarefas co Servizo Público de Emprego. Deste xeito, á hora de xestionar as ofertas de traballo evitariamos que sexan as ETT's as que xestionen as ofertas laborais para a mocidade, buscando ofrecer emprego de maior calidade, explican.
As nacionalistas presentaron estas propostas despois de constatar unha nova suba do desemprego no municipio e a comarca no último mes. Actualmente en Galiza o 55,8% das persoas mozas non teñen traballo e case o 60% dos contratos á mocidade son de carácter temporal, con contratos por días e mesmo por horas explica o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
No mes de outubro en Betanzos había, segundo o IGE, 241 mozas e mozos, entre 16 e 34 anos, rexistrados como desempregados explica Del Río. Deste total, 144 eran mulleres novas, evidenciando que as mozas, padecen taxas aínda máis elevadas de temporalidade e precariedade advirte. Son case o 25% das persoas desempregadas no concello o mes pasado, acrescenta.
Para as nacionalistas, estas cifras deberan motivar a posta en marcha de programas específicos de empregabilidade desde o Concello. Neste sentido lamentan que mes tras mes e ano tras ano o único programa de estímulo económico do goberno do PSOE sexan concursos de pinchos e festas varias.
É imprescindíbel poner en marcha programas para fomentar desde xa o emprego digno para a mocidade, buscando condicións para crear postos de traballo que freen a emigración xuvenil e permitan ás mozas que marcharon retornar, explican. Para iniciar este tipo de políticas alternativas, desde o BNG-Asembleas Abertas propoñen crear bolsas destinadas a tituladas e titulados superiores para a execución de proxectos de especialización, exportación e innovación da economía local.
Para aproveitar estes proxectos posteriormente, ademais as nacionalistas avogan por establecer axudas ao desenvolvemento de proxectos e iniciativas de mocidade para a creación ou mantemento de explotacións agro-gandeiras e de agricultura ecolóxica, e favorecer aqueles proxectos libres de transxénicos, dous subsectores produtivos con mercado. Son o complemento perfecto ao banco de terras que propuxemos crear nos 10 000 metros cadrados a monte que o Concello ten, que segue sen levarse adiante a pesar de ser apoiado polo Pleno varias veces, explica Del Río.