O BNG-Asembleas Abertas leva a Pleno o malestar da veciñanza dos Ánxeles polo cheiro dos rexistros
Entendemos que esta obra, finalizada a comezos de 2015, aínda estará en prazo de garantía, polo que solicitamos que se exixa á empresa que executou os traballos que solucione estas circunstancias.
Betanzos, 28 de novembro de 2015. O BNG-Asembleas Abertas volveu trasladar ao Pleno o malestar da veciñanza da rúa dos Ánxeles polo cheiro que sae dos rexistros para captar pluviais. Malia que o goberno local negou que isto estivese a acontecer, a realidade insiste obstinadamente en levarlle a contraria á propaganda do PSOE xa que seguimos recollendo queixas sobre esta situación ironiza o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
A veciñanza insistiu a representantes do BNG que mesmo logo de chuvias como as destes días o cheiro a augas fecais persiste. Aseguran, ademais, que antes de levarse a cabo esta obra isto non acontecía. Polo tanto, sospeitan que se debe a que algo desa obra está mal executado.
As nacionalistas trasladaron esta cuestión ao Pleno o pasado martes. Entendemos que esta obra, finalizada a comezos de 2015, aínda estará en prazo de garantía, polo que solicitamos que se exixa á empresa que executou os traballos que solucione estas circunstancias, engadiu Del Río. Desde o BNG-Asembleas Abertas interpelaron ao goberno sobre se os técnicos municipais revisaron esta situación desde que a trasladamos ao Pleno por vez primeira e sobre que conclusións sacaron destas revisións.
Consideran normal que polos rexistros da rede de saneamento, presuntamente de pluviais, se desprenda cheiro a augas fecais? Se non o ven normal, por que non o solucionaron e obrigan á veciñanza a convivir nesta insalubre situación?, concluíu Del Río. Desde o BNG-Asembleas Abertas aseguran que non vale de moito investir milleiros de euros en obras como esta se despois non se fai un seguemento para verificar o funcionamento dos servizos unha vez acabadas as obras.