O BNG-Asembleas Abertas leva as irregularidades na contratación das orquestras ao Pleno
Levamos anos reclamando que as contratacións do Concello se fagan todas por concurso público para que calquera poida optar en igualdade de oportunidades a levar un contrato público.
Betanzos, 27 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas reclamará mañá no Pleno ao alcalde que explique se é certo que a empresa representante da orquestra que vai a actuar o 14 de agosto vai ser a que aparece desde hai semanas publicada nun web. As nacionalistas consideran que o alcalde debe explicar as razóns pola que se anuncia a actuación dunha orquestra antes de abrirse as plicas e que tipo de relación existe entre o Concello e a empresa representante da orquestra en cuestión.
Desde o BNG-Asembleas Abertas cualifican como raro que o baremo para cualificar as dúas ofertas presentadas ao concurso das orquestras sexa precisamente un ránking publicado, casualmente, na mesma web particular que dá por pechado o contrato da orquestra do día 14 desde hai semanas.
Resulta moi difícil de crer que a pouco máis de 15 días do inicio das festas o programa estea sen pechar. Calquera persoa que tivese relación cunha comisión de festas sabe que é imposíbel contratar unha orquestra 15 días antes do 15 de agosto, que hai festas en todo o País insisten desde o BNG-Asembleas Abertas.
Levamos anos reclamando que as contratacións do Concello se fagan todas por concurso público para que calquera poida optar en igualdade de oportunidades a levar un contrato público. Mais concursos convocados coa antelación suficiente e coas debidas garantías, e non facendo un teatro 15 días antes, insisten.
Precisamente, para evitar este tipo de situacións, o BNG-Asembleas Abertas propoñerá no Pleno de mañá retirarlle todas as competencias de contratación á Alcaldía mediante a súa delegación na xunta de goberno local e aprobar unhas instrucións de contratación do Concello. Entre as premisas destas instrucións figurarían establecer un procedemento público e transparente de presentación de ofertas para os contratos menores de obras e servizos, asegurando que se aplica a todos os contratos menores.
Os nacionalistas avogan por abandonar os contratos negociados sen publicidade, mais no caso de existir defendems que haxa un procedemento público que permita que todas as empresas interesadas poidan presentar as ofertas en igualdade de oportunidades. Para iso propoñemos facer catálogo de empresas do concello, por sector de actividade, que se terán en conta en todas as invitacións a procedementos negociados e menores explica Del Río.
O obxectivo é evitar os contratos a dedo o fraccionamento de de contratos para evitar o concurso público, dúas prácticas recorrentes do goberno do PSOE, e antes tamén do PP como denuncian os funcionarios municipais explica o voceiro do BNG-Asembleas Abertas, Henrique del Río. O alcalde prometeu un cambio de formas na súa toma de posesión, que demostre que aquilo non era palabrería barata e cambie a contratación clientelar do Concello, conclúen.