O BNG-Asembleas abertas denunciou que os edificios municipais están sen limpar por falta de persoal
Pedímoslle ao señor alcalde que cumpla inmediatamente a moción que se aprobou hai unha semana no Pleno sobre este asunto
Betanzos, 5 de agosto de 2015. O BNG-Asembleas Abertas denunciou que os edificios municipais están quedando sen servizo de limpeza por falta de persoal, despois de que a limpadora que se encargaba de cubrir 13 edificios collese as vacacións. Pedímoslle ao señor alcalde que cumpla inmediatamente a moción que se aprobou hai unha semana no Pleno sobre este asunto, indicou Henrique del Río, voceiro do BNG-Asembleas Abertas.
A situación do servizo de limpeza é insostíbel e require unha solución inmediatamente, asegura o edil nacionalista. Actualmente só están a limpar o CEIP Vales Villamarín coa única persoa que queda no servizo de limpeza, denuncian desde o BNG-Asembleas Abertas.
O que non pode ser é ter 13 edificios con xente traballando alí e sen limpar, sen sequera baleirar as papeleiras, porque son unhas condicións de traballo que non son as axeitadas e mais ben antihixiénicas, engade o voceiro nacionalista. Polo que sabemos o goberno local do PSOE non fixo nada por solucionar o tema, desde que se aprobou a moción non houbo ningunha xuntanza para buscar saída a este problema que provocou o propio PSOE ao despedir ás persoas que estaban traballando na limpeza do aulario, asegura Del Río.
O BNG-Asembleas Abertas asegura que hai un sistema legal para cubrir estas baixas que é tirar da lista de substitucións e que foi o que se aprobou no Pleno. Polo tanto, reclaman ao goberno local que non castigue á veciñanza e as empregadas do Concello cunhas condicións de limpeza nos edificios que nin sequera se achegan ao desexábel.
Desde o BNG-Asembleas abertas informan de que se o goberno local non toma medidas esta situación prolongarase, cando menos, até o 1 de setembro que remataría o periódo de vacacións. A maiores, no mes de setembro empeza a actividade nos centros educativos e queremos pensar que o goberno local terá previsto que pensa facer de cara ao futuro, concluíu o voceiro nacionalista Henrique del Río.