O BNG-Asembleas Abertas pide que se reparen os peiraos
As nacionalistas demandan tamén que Concello e Portos se poñan de acordo para retirar as embarcacións abandonadas nos peiraos e na propia vacía dos ríos, para que non supoñan un perigo para navegantes nin para o medio.
Betanzos, 4 de agosto de 2015. O BNG-Asembleas Abertas reclamou ao goberno local que repare os distintos peiraos situados nos ríos e na ría. Coa chegada do verán é evidente que os peiraos teñen moita máis actividade e o estado de algúns compromete a seguridade dos veciños e veciñas que se dispoñen a pasar unha xornada de lecer no río, indicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
As nacionalistas recordaron que nos últimos anos presentaron varias iniciativas no Pleno sobre estas cuestións, sen que estas actuacións fosen incluídas en ningún plan de obras do goberno local. Co verán hai un uso maior dos peiraos e é preocupante as numerosas eivas que presentan as escadas e puntos de amarre dos distintos peiraos explica Del Río. Non só non se atenderon, senón que cada vez suman máis anos co conseguinte perigo para quen utilice as escadas ou pase baixo as canterías soltas advirte.
As nacionalistas suxiren ao goberno local que se dirixa con urxencia á Demarcación de Costas, os entes Portos e Augas de Galiza e os restantes organismos competentes para acometer os distintos traballos de reparación e mantemento que o perímetro marítimo-fluvial de Betanzos precisa. A veciñanza demanda que se limpen todos os peiraos para facilitar o seu uso e que se melloren e ordenen os puntos de atraque, indica Del Río.
Neste sentido, desde o BNG-Asembleas Abertas demandan tamén que Concello e Portos se poñan de acordo para retirar as embarcacións abandonadas nos peiraos e na propia vacía dos ríos, para que non supoñan un perigo para navegantes nin para o medio.