O BNG-Asembleas abertas defende afondar na laicidade do Concello
Defendemos que a igrexa católica pague o IBI por todas as súas propiedades que non sexan edificios de culto É necesario tamén retirar a simboloxía relixiosa dos edificios municipais
Betanzos, 13 de maio de 2015. O BNG-Asembleas abertas defende no seu programa de goberno a necesidade da separación entre o Concello e a relixión católica. Nun punto específico do seu programa de goberno as nacionalistas defenden que é necesario afondar na laicidade das administracións locais e neste sentido propoñen unha serie de medidas concretas para afondar na separación entre a igrexa católica e a administración, que é unha cuestión de calidade democrática.
Defendemos que a igrexa católica pague o IBI por todas as súas propiedades que non sexan edificios de culto e, polo tanto, que non estean cubertos polo concordato, explicou o candidato nacionalista Henrique del Río.
É necesario tamén retirar a simboloxía relixiosa dos edificios municipais, indicou Del Río, e pensamos que o Concello ten que retirar o financiamento á igrexa católica, tanto indirecta como directa.
Con cartos públicos estanse financiando diferentes actividades de culto da igrexa e desde o BNG-Asembleas Abertas pensamos que a igrexa católica non debe estar financiada con cartos de todos e todas mentres vemos como se deteriora a calidade dos servizos públicos, explicou o candidato nacionalista.
Desde o BNG-Asembleas Abertas defenden que o Concello ten que fomentar o respecto por todas as crenzas e culturas e, polo tanto, debe educar no seu coñecemento.