O BNG-Asembleas Abertas traslada ao Congreso as demandas de seguridade vial da Madalena e A Angustia
Todas estas medidas supoñen un investimento moito menor que a macrorrotonda que planifica o goberno local na súa proposta de Plan Xeral e solucionaría moitos dos problemas de seguridade viaria da zona.
Betanzos, 12 de maio de 2015. O BNG levou ao Congreso dos Deputados as demandas de maior seguridade viaria da veciñanza da Madalena e A Angustia. Nun encontro aberto celebrado o pasado domingo residentes en ambos núcleos trasladaron ao BNG-Asembleas Abertas a necesidade de sinalizar pasos de peóns na Angustia, xa que dun lado da estrada quedan servizos como a fonte, o local social, as pistas deportivas ou a igrexa, mais non hai un paso seguro entre ambas beiras da estrada
A veciñanza do núcleo insistiu, ademais, en que os vehículos circulan a velocidades moi superiores aos 50 km/h que ten establecido a vía. Por este motivo, os nacionalistas demandaron no Congreso medidas adicionais de seguridade viaria. Son medidas verdadeiramente pouco custosas que poden salvar vidas enfatiza a deputada do BNG Rosana Pérez.
Tamén a directiva da asociación de veciños da Madalena trasladou ao BNG-Asembleas Abertas a súa preocupación pola seguridade viaria no barrio. Neste sentido, para regular o cruzamento da Madalena e reducir as velocidades os representantes veciñais suxiren a instalación de semáforos.
Os nacionalistas consideran esta medida sinxela e doada de atender e consideran que pode supoñer unha mellora da seguridade viaria no entorno, colapsado a diario, ademais, polas entradas e saídas da zona escolar.
Por este motivo, ademais de urxir ao Ministerio de Fomento a realizar estas melloras no menor prazo de tempo posíbel, suxiren que se ceda ao Concello este antigo trazado da N-VI xa que ven funcionando como travesía urbana. Neste sentido, desde o BNG propoñen ao goberno español que ceda o trazado da antiga N-VI desde a súa entrada no municipio pola parroquia de Bravío até o cruce da Espantosa para que o Concello poida acondicionalo.
Todas estas medidas supoñen un investimento moito menor que a macrorrotonda que planifica o goberno local na súa proposta de Plan Xeral e solucionaría moitos dos problemas de seguridade viaria da zona, explicou o candidato nacionalista, Henrique del Río. Realmente a macrorrotonda dubidamos que vaia ser solución a algún dos problemas de circulación do barrio e vai supor un enorme investimento ademáis da expropiación e derrubo das casas dos veciños e veciñas que quedan á marxe dereita da estrada á saída da Madalena, concluíu.