O BNG-Asembleas Abertas apartouse da contratación das orquestras na mesa desta mañá
O goberno non foi capaz de dar unha explicación coherente ante o feito de que aparecese nun web publicado o adxudicatario antes mesmo de que se abrisen as ofertas
Agardamos que este tipo de acordos non rematen cunha investigación xudicial no Concello e cunha demanda con consecuencias económicas que, unha vez máis, pagaremos a veciñanza a costa dos nosos servizos
Betanzos, 29 de xullo de 2015. O BNG-Asembleas Abertas informou que esta mañá na mesa de contratación viuse obrigado a apartarse da proposta para resolver o contrato das orquestras para o San Roque. O goberno non foi capaz de dar unha explicación coherente ante o feito de que aparecese nun web publicado o adxudicatario antes mesmo de que se abrisen as ofertas, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
O alcalde reduce todo a un mal entendido das empresas e sostén que é o mesmo caso que cando hai anos se anunciara o concerto dos Celtas Cortos e o Concello obrigara a rectificar aquela información, explica. O que non entendemos neste caso é por que non se exixiu unha rectificación ao web que publica a contratación das orquestras agora, engade Del Río.
O goberno non foi capaz de dar unha explicación coherente ante o feito de que aparecese nun web publicado o adxudicatario antes mesmo de que se abrisen as ofertas
Hoxe nese mesmo web publican outra orquestra como pechada a pesar de que aínda o contrato non está adxudicado, denuncia. Casualmente ambas do mesmo representante que foi proposto pola mesa e que se anunciaba como adxudicatario nese portal de internet desde antes de abrir as ofertas do concurso, explican desde o BNG-Asembleas Abertas . Non podemos avalar coa nosa sinatura este tipo de actuacións que crean entre a veciñanza a sensación de que todas as forzas que estamos no Concello somos iguais, sostén Del Río.
Agardamos que este tipo de acordos á marxe do procedemento con orquestras do que falaba onte o alcalde no Pleno non rematen cunha investigación xudicial no Concello e cunha demanda con consecuencias económicas que, unha vez máis, pagaremos a veciñanza a costa dos nosos servizos, indican desde o BNG-Asembleas Abertas.
Semella que o goberno local esquece que os cartos cos que vai pagar esta contrata son cartos públicos e que por iso a forma en que se administran ten que estar fóra de toda dúbida, engade o voceiro nacionalista, Henrique del Río.