O BNG animou á veciñanza a unirse para defender o Mandeo
Del Río: Se a Deputación e o goberno local teiman en manter este proxecto e en evitar que a xente poida presentar alegacións para salvar a beira do río, o BNG levará este asunto tanto ao Parlamento de Galiza como ao Parlamento Europeo porque afecta a terreo natural protexido
Betanzos, 10 de decembro de 2014. O BNG ofreceu unha charla este serán para informar á veciñanza do trazado concreto que terá o paseo que Concello e Deputación promoven pola beira do Mandeo desde o peirao das Monxas até o Campo dos Caneiros. É certo que unha parte coincide co actual camiño a pé aos Caneiros, pero hai unha parte nova que supón facer desmontes dentro da liña de deslinde do río, isto é, dentro do terreo incluído na Rede Natura, explicou o voceiro nacionalista, Henrique del Río.
Na mesa redonda celebrada no Edificio Arquivo participou tamén Isabel Risco, da Plataforma en Defensa da Ría de Sada e Betanzos. Indicou que só a mobilización veciñal poderá parar este proxecto como aconteceu co falso túnel de Fontán. Neste sentido, animou a grupos ecoloxistas, asociacións e colectivos veciñais a conformar unha plataforma unitaria contra este proxecto. Neste debate participaron tamén membros doutros colectivos ecoloxistas da comarca como ADEGA e veciñanza preocupa polo tema.
Polo momento o proxecto do paseo non saíu a exposición pública, explicou Del Río. Segundo nos explicaron os técnicos do Concello no seu día, ten que saír a exposición pública e someterse a un proceso de alegacións, indicou. Se a Deputación e o goberno local teiman en manter este proxecto e en evitar que a xente poida presentar alegacións para salvar a beira do río, o BNG levará este asunto tanto ao Parlamento de Galiza como ao Parlamento Europeo porque afecta a terreo natural protexido, indicou.
Non cremos que sexa protexer o río meter unha canalización de fecais de PVC na beira mesma do Mandeo, dentro da liña de deslinde da costa, indicou o voceiro nacionalista. Elementos como este, zapatas de formigón ou escolleiras na beira mesma, dentro da Rede Natura alteran a vida da fauna e flora que dá sentido á protección do Mandeo e mesmo pode afectar ás correntes, configuración da beiramar e da navegabilidade do propio río, engaden.
Os nacionalistas insistiron en que non ten sentido meter un camiño pilotado de madeira polo medio dunha xunqueira na que viven varias especies en perigo de extinción. Que sentido ten levar xente, isto é, ruído e lixo, polo medio dun dos poucos anacos virxes do río, engadiron, abonda con poñer en valor o actual camiño e en indicar a riqueza que encerra o Mandeo.