O BNG analiza os orzamentos da Xunta en 'Betanzos e a súa comarca'
"Feijóo e o PP fixaron varios prazos para iniciar as obras e acordaron coa dirección do colexio e a ANPA incrementar o número de alumnos por aula porque no curso 2013-14 ía haber un novo centro. Agora toda a veciñanza pode comprobar que as promesas do PP quedaron en nada".
Betanzos, 10 de xaneiro de 2013. Xa está a chegar a todas as casas un novo número do xornal que edita a asociación de comerciantes e empresarios (ACEBE-CCA). Neste mes recolle un artigo do voceiro do BNG, Henrique del Río, sobre os orzamentos da Xunta e as súas previsións para Betanzos. Polo seu interese reproducímolo a continuación de xeito íntegro.
Era visto, Evaristo
En setembro advertiamos nesta mesma columna que niguén ofrece tanto coma o que non vai cumprir. Escasos catro meses despois os orzamentos do PP na Xunta, veñen, desgrazadamente, a darnos a razón.
Unhas contas que amosan que Feijóo e o PP teiman en manter unha política económica fracasada: reducir défice, recortes e que as administracións non interveñan directamente na dinamización económica do país.
Unhas contas que, con respecto a 2012, recortan en 667 millóns de euros en sanidade, educación e benestar. O que si sobe é o gasto corrente e o servizo á débeda, pagarlle aos bancos por riba de todo mentres se deixa tiradas ás persoas.
Estes recortes afectan aos compromisos que o goberno galego ten contraído con Betanzos. Non hai rastro da promesa do PP de 3 millóns de euros para o proxecto que tería que rematar coas enchentes na Ribeira, nin un céntimo para abrir un centro de día público no antigo ambulatorio, non hai un peso para recuperar a ría e poder crear emprego e nin sequera aparecen cantidades máis modestas, como a necesaria para cambiar a pista do pavillón municipal.
Os orzamentos da Xunta esquécense de novo do Casco Histórico. É indignante que o PP contemple só 100 000 euros para rehabilitar as 11 vivendas que a Xunta comprou e mais as que foron aceptadas como doazón no Casco Histórico. Esta cantidade só dá para consolidar as ruínas, non para rehabilitar todas as casas como é evidente. O pasado ano o BNG presentou unha emenda na que reclamaba 250 000 euros para comezar a darlle volta á situación do Casco Histórico.
Os cen mil euros para as once casas do Casco Histórico só dá para consolidar as ruínas, non para rehabilitar todas as casas como é evidente
Pero o que xa é unha auténtica tomadura de pelo é que o PP só conte con 100 000 euros para construír o novo colexio. O CEIP Vales Villamarín é o colexio máis masificado de toda Galiza e as políticas de recortes do PP fan que esta situación vaia a peor. Feijóo e o PP fixaron varios prazos para iniciar as obras e acordaron coa dirección do colexio e a ANPA incrementar o número de alumnos por aula porque no curso 2013-14 ía haber un novo centro. Agora toda a veciñanza pode comprobar que as promesas do PP quedaron en nada.
Que o PP só conte con 100 000 euros para construír o novo colexio é unha auténtica tomadura de pelo
O BNG pediu a retirada destas contas e a presentación dun orzamento distinto, porque Galiza precisa doutras cifras e hai marxe para facelo. Por exemplo subir os impostos aos que máis gañan. Aínda así emendaremos as actuais para tentar rematar cos vellos contos que voltan repetirse neste novo ano.